Estas son as novas medidas restritivas decretadas pola Xunta

0

O Diario Oficial de Galicia publicou onte unha orde e máis un decreto no que se recollen as medidas e restricións que se manterán en vigor, polo menos, até o próximo 4 de decembro. Dunha banda amplíase o número de municipios en máxima alerta que terán pechados á entrada e saída os seus perímetros -ademais doutras limitacións en canto a capacidades e ao desenvolvemento de actividades- e, doutra, especifícase o que se pode e non se pode facer naqueles territorios que, como San Sadurniño, teñen polo momento unha incidencia menor da COVID-19. Polo tanto, as grandes cidades e practicamente todos os concellos da súa zona de influencia -ademais de algunhas vilas de menor poboación- estarán máis restrinxidos desde a medianoite do venres ao sábado, mentres que as medidas para o resto de Galicia xa son de aplicación desde a pasada madrugada.

Empecemos polo que nos afecta directamente no noso territorio, é dicir, as medidas xerais decretadas para Galicia. Practicamente seguen sendo as mesmas medidas que xa estaban en vigor, coa salvedade de que os grupos poderán estar formados por ata 6 persoas (antes eran 5).

 Toque de queda entre as 23.00 e as 6.00h.: as persoas unicamente poderán circular polas vías ou espazos de uso público para a realización de, entre outras, as seguintes actividades: merca de medicamento, produtos sanitarios e bens de primeira necesidade; asistencia a centros e servizos sanitarios; levar animais ao veterinario por razóns urxentes; o cumprimento de obrigas laborais, profesionais, institucionais ou legais; a volta ao lugar de residencia tralo desenvolvemento dalgunha das actividades permitidas; acudir coidar maiores, menores, persoas dependentes e/ou discapacitadas ou nunha situación de vulnerabilidade; calquera outra circunstancia de forza maior ou necesidade debidamente acreditada. Tamén se autoriza a repostaxe en gasolineiras ou estacións de servizo durante ese intervalo horario cando resulte necesario para calquera das actividades anteriores.

Restricións dos grupos en espazos públicos e privadosa un máximo de 6 persoas, excepto no caso de que todas elas vivan xuntas. Se por exemplo viven na mesma casa 8 persoas, poderán saír xuntas ou sentar nunha mesa dunha terraza. Pero se entre elas hai unha ou máis persoas -parentes, amizades- non convivintes, só poderán formar un grupo máximo de seis persoas, sexa dentro ou fóra da casa.   A restrición non se aplicará a actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, centros de ensino e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos seus protocolos de funcionamento, nin tampouco no caso de coidado ou acompañamento de persoas que o precisen. En territorios cunha alta incidencia, as autoridades sanitarias poden adoptar restricións maiores, como ocorrerá a partir da medianoite do venres ao sábado en todos os municipios da ría, onde só poderán reunirse en espazos públicos e privados un máximo de 6 persoas convivintes.

Vida social e comunitaria.
En Galicia tamén se adoptaron hai xa varios días novas medidas restritivas en canto a capacidades de actividades en espazos públicos ou abertos ao público. Están suspendidas as festas e verbenas e débese lembrar que desde o pasado mes de agosto se prohibe o consumo de alcol na vía e nos espazos públicos.
  • Hostalaría e restauración: no interior dos locais, unha ocupación máxima do 50%. Non se permite o consumo en barra. Nas terrazas ao aire libre, limitación ao 75% das mesas. A ocupación máxima será de 6 persoas por grupo, respectando a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas. A máscara só se pode retirar exclusivamente no momento da consumición. Os bares e restaurantes deberán adaptar os seus horarios ao toque de queda.
  • Comercio, centros comerciais, autoescolas, academias e mercados ao aire libre: todos os establecementos comerciais, academias e autoescolas quedan limitados ao 50% da súa capacidade. Nos centros e parques comerciais redúcese ao 33% a capacidade dos espazos comúns, que só se poderán utilizar para entrar e saír ou para cambiar de establecemento, nunca para sentar descansar ou para que brinquen as crianzas (ludotecas e xogos nos centros comerciais deben permanecer pechados). Cómpre ter en conta, iso si, que debido ao peche perimetral dos concellos da ría e tamén das grandes cidades, non podemos ir de compras a eses lugares. Por outra banda, as feiras e mercados ao aire libre non poderán superar o 50% dos postos habituais.
  • Parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas ou espazos ao aire libre similares con limitación de capacidade: non se deberá sobrepasar en ningún momento un máximo estimado de unha persoa por cada catro metros cadrados.
  • Lugares de culto, velorios, enterros e cerimonias: os recintos dedicados ao culto relixioso non poderán sobrepasar o 50% da súa capacidade. Nos mortorios limítase a asistencia a 10 persoas en cada momento en espazos pechados e a 25 en espazos abertos. No caso de enterros ou despedidas de cremación, máximo 25 persoas entre familiares e achegadas. As celebracións nupciais non poderán sobrepasar as 50 persoas en espazos pechados ou as 100 ao aire libre.  Os convites posteriores rexeranse pola normativa da hostalaría.
  • Actividades deportivas non federadas: en instalacións ao aire libre a actividade pode ser individual e colectiva, sempre sen contacto físico e como máximo 6 persoas de forma simultánea, sen contar o monitor. En instalacións cubertas, tamén grupos de ata 6 persoas, sen contar o monitor, e sen superar o 50% da capacidade máxima permitida. Nas piscinas non poderá sobrepasarse o 50% da súa capacidade e a máscara só se poderá quitar para o baño, pero terá que levarse posta nos desprazamentos interiores. Duchas e aseos en instalacións deportivas terán que usarse de maneira individual. O emprego da máscara na práctica deportiva e de actividade física só se exceptúa en deportes con pistas específicas -tenis, pádel, squash, polideportivas- e exclusivamente durante a realización desas actividades. Nos ximnasios hai que levala posta en todo momento (o de San Sadurniño permanece pechado ao público).
  • Eventos deportivos, adestramentos e competicións con público: o público sempre ha de estar sentado, non se superará o 50% da capacidade  e establécese o límite xeral de 60 persoas en lugares pechados e 150 se se trata de actividades ao aire libre.
  • Centros cívicos e sociais: con capacidade limitada ao 50% e as actividades socioculturais que se fagan en grupo non poderán superar as 6 persoas, sexan ou non convivintes, incluído o persoal de monitorado.
  • Auditorios, bibliotecas, salas de exposicións: 50% da súa capacidade e límite máximo de 60 persoas en espazos pechados ou 150 ao aire libre. As visitas guiadas e outras actividades en grupo estarán limitadas a un máximo de 5 persoas, sexan ou non convivintes, incluído o monitor ou guía.
  • Congresos, eventos e actos similares: máximo 50% da capacidade permitida e límite máximo de 60 persoas nos espazos pechados e 150 ao aire libre. Este límite será de aplicación para reunións profesionais, xuntas de comunidades de propietarios e outros actos semellantes.
  • Transporte: nos vehículos que fagan servizos colectivos de transporte de viaxeiras e viaxeiros con reserva de praza poderanse ocupar a totalidade dos asentos reservados, garantindo no resto de prazas que non se ocupen asentos contiguos salvo no caso de persoas convivintes. No transporte escolar poderase ocupar a totalidade dos asentos.

E que pasará en Ares, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón e Neda?
Ata aquí estivemos vendo as normas que rexerán a nosa vida durante o próximo mes nunha zona como San Sadurniño onde son de aplicación desde hoxe mesmo as medidas xerais decretadas para Galicia. Pero hai outras zonas, como é o caso dos concellos da ría de Ferrol, onde a partir da medianoite do venres para o sábado se incrementan as restricións.

Para eles decretouse un peche perimetral que prohibe as entradas e saídas do seu límite conxunto sen unha causa xustificada -laboral, regreso ao domicilio, facer trámites inaprazables, acudir a centros médicos, ir coidar persoas, facer exames, etc.-, algo que en Fene, Ferrol, Narón e Neda xa era así desde a fin de semana pasada. Agora súmanse ao grupo Ares e Mugardos.

Porén, a maiores, neses municipios a partir deste sábado pecharán todos os establecementos hostaleiros -agás comedores de empresas e hospitais-, que só poderán atender con reparto a domicilio ou encargas para recoller no establecemento. Os peches esténdense ao lecer nocturno. Tamén se suspenden espectáculos públicos, bingos, casinos, salóns de xogos, tendas de apostas, salóns recreativos, parques multiocio, salas de concertos, etc., mentres que se manteñen centros deportivos, ximnasios, estadios e recintos deportivos, bibliotecas, museos, salas de conferencias, salas polivalentes, cines, teatros e auditorios, entre outros.

Ademais, alí os grupos en espazos públicos e privados só poderán ser de 6 persoas como máximo e sempre que sexan convivintes.

Por último, cabe recordar unha vez máis as recomendacións xerais e outras obrigas que se veñen aplicando desde hai semanas:
  • Distanciamento de 1,5 metros con respecto a outras persoas.
  • Máscara obrigatoria a partir dos 6 anos, que ha de ir correctamente colocada e non ter válvula exhalatoria. A máscara deberase manipular o menos posible e, de ter que facelo, sempre coas mans perfectamente limpas.
  • Hixiene frecuente de mans: lavalas a conciencia con abundante auga e xabón e utilizar sempre que se poida solucións desinfectantes para uso cutáneo ou xeles hidroalcólicos. Débese evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca.
  • Hixiene respiratoria: non quitar a máscara para esbirrar ou tusir. Se estamos na casa sen ela, tapar o nariz e a boca cun pano desbotable ou facelo contra o interior do cóbado.
  • Prohibido fumar/vapear en lugares públicos a menos de 2 metros doutras persoas.
  • Se notamos algún síntoma coincidente cos da COVID-19, debemos quedar na casa -igual que no caso de ter un contacto estreito cun positivo por coronavirus- e informar ás autoridades sanitarias chamando ao 900 400 116, nunca acudir directamente ao centro de saúde. Os síntomas da enfermidade son os seguintes:  febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos.
  • Ás anteriores úneselle a recomendación de vacinarse contra da gripe (se conseguimos que nos dean vez) polas seguintes razóns: a gripe estacional pode ser grave por si mesma e combinada coa COVID-19 pode ter consecuencias fatais. Ademais, a vacinación tamén é fundamental para reducir a sobrecarga do sistema sanitario nun momento en que fai falla dispor de camas libres e outros recursos para atender o agravamento da pandemia.

Máis información:

Share.