Entre os soños e a vixilia, segundo Sebas

0

No calendario de estreas en youtube do Chanfaina Lab chegamos o pasado venres a un novo talento local que ten especial predilección polo surrealismo. Falamos de Sebastián Rodríguez -Sebas-, un mozo de Lamas que xa nos sorprendeu o ano pasado coa súa peza “Galiñocidio” e que, desta vez, tira de novo polas imaxes oníricas para compoñer unha obra moi curtiña que contrasta co seu tema principal: o tempo detido nos momentos en que non sabemos se estamos soñando ou espertos e espertas. Sebas mira de novo ás iconas artísticas de principios do século XX, cando a experimentación visual xuntaba nos mesmos proxectos a creadores como Buñuel ou Dalí. De feito, a curta “Insomnio” arrecende un chisco ao cadro “A persistencia da memoria” do xenio de Cadaqués.

Sebastián Rodríguez (Lamas, 1998) é un mozo moi afeccionado ao cinema que participa no Chanfaina lab como cineasta local por terceira vez. O ano pasado dirixiu “Galiñocidio”, unha historia que entroncaba coa ficción surrealista. “Sebas” vive na parroquia de Lamas, rematou o Bacharelato Artístico no IES Concepción Arenal e ten moi decidido o seu futuro profesional, orientado cara a creación musical e son para o audiovisual. De feito, dende a súa marca Moonmusic, compón bandas sonoras para algunhas curtas e grava a grupos musicais de Ferrol e contorna.

Para a súa terceira participación no Chanfaina, Sebas acudiu ao mundo no que case sempre procura as ideas coas que traballa: o universo onírico e persoal da súa casa de Lamas, como xa fixera o ano pasado: “A idea xorde desa sensación que tes cando espertas dun pesadelo do que non te lembras case nada, mais espertas tan desubicado, que cando saes da cama hai uns intres nos que dubidas se de verdade estás esperto ou segues a durmir. Sei que ao mellor semella unha parvada, mais a min pasoume unha vez e como me pareceu unha experiencia interesante, quixen dalgún xeito rexistrar esas sensacións, por iso empreguei planos da miña casa, co percorrido exacto que fixen mentres lle daba voltas a ese pensamento de que aínda seguía soñando, imaxes dunha casa mesturadas con outras aleatorias, representando así o que fas cando te ergues da cama e á vez que saes da habitación tentas lembrar cal foi o soño e por que te erguiches sentíndote tan estraño.”

“Insomnio” vai sobre o luscofusco do espertar dos sonos e dos soños, como ben explica o propio Sebas; a omnipresente imaxe do reloxo que abrangue o plano por enteiro; as imaxes difusas que se encadean a través de espazos persoais do propio cineasta co obxectivo de reflectir ese “tempo suspendido”, no que non somos quen de saber onde estamos e para o que non temos respostas doadas: “O que pretendo e deixar ao espectador desorientado e que pense: Pero que acabo de ver?; E que é isto?. A peza comparte a mesma esencia que “Galiñocidio”, una mestura de cousas sen sentido e retar ao espectador para que intente encaixar unhas pezas que non teñen relación algunha; porque ás veces non hai que buscarlle o sentido ás cousas.” Así pois, fagámoslle caso a Sebas suspendamos a consciencia e deixémonos levar pola experiencia onírica e relaxante que nos propón o cineasta de Lamas.

Share.