En marcha as obras do POS+, cun investimento próximo aos 140.000 euros

0

O Concello ten en marcha xa a execución das obras incluídas no Plan Único de Concellos POS+ 2017 da Deputación da Coruña, para o que se prepararon tres grandes proxectos que, á súa vez, inclúen varias actuacións en distintos puntos do territorio municipal. Todas elas se centran en reparacións da rede viaria e están desenvolvéndose de forma escalonada. José No Mantiñán e Hijos S.L. está a punto de rematar o paquete “Pavimentación dos camiños do Xestal-Filgueiras, Lourido, Riolimpo-Vilarbó e outros”, mentres que a construtora Concifa levará adiante nos próximos días as contratas “A Fraga-Penalonga-AC861, o Cancelo-Vilaverde Brame e outros” e “A Veiga, As Calvelas, A Rega e outros”. Obras que en conxunto  supoñen 139.397 euros de investimento e que, porén, non serán as únicas que se leven adiante con fondos xestionados polo organismo provincial.

E é que no momento de aprobar as obras do POS+, a Deputación tamén lles pediu aos concellos que tivesen máis proxectos en carteira para poder financialos con cargo ás baixas económicas que se producisen na contratación dos primeiros programas. Neste sentido, San Sadurniño conseguiu unha partida de 81.000 euros a maiores que se investirán na mellora da accesibilidade da Avenida Marqués de Figueroa, en San Sadurniño, e nunha senda peonil paralela á AC-861ao seu paso polo Camiño Grande, en Igrexafeita.

Ambos proxectos aínda están sen licitar e virán sumarse aos que xa están en marcha para arranxar pistas ou mellorar a seguridade de viandantes, que son a urbanización do Enxerto -cun custe de 125.000€ sufragados cun convenio provincial- e os tres paquetes nos que se engloban cerca dunha quincena de actuacións distribuídas polas parroquias (139.397€).

Estas últimas botaron a andar hai case dúas semanas co amaño simultáneo das pistas entre Riolimpo e Vilarbó e desde a Augaquente ata Lourido, en Naraío, e a que une o Xestal coas Filgueiras, en Ferreira, ademais dun pequeno tramo que se vai asfaltar en Cornide. Do proxecto ocúpase por 31.743 € José No Mantiñán e Hijos S.L. que, se non hai imprevistos, finalizará o traballo co remate deste mes.

Dos outros dous paquetes viarios faise cargo Concifa, que hoxe mesmo empezou coa pavimentación da pista que vai desde A Fraga, en Ferreira, ata a antiga estrada das Pontes pasando pola Penalonga, en Igrexafeita. No mesmo proxecto está incluída a reparación da pista de Lamas que vai da  AC-862 ata O Cancelo e logo ata Vilaverde e Brame antes de volver conectar coa xeral. Tamén forma parte deste contrato o reasfaltado entre a ponte da Cortiña e o camiño da Bidueda, en San Sadurniño.

Por último, o POS+ tamén servirá para reparar varias pistas en Bardaos e Santa Mariña do Monte. Concretamente a da Veiga, a das Calvelas e a da Rega. Este proxecto e o anterior suman un total de 107.654 euros.

 

Share.