En marcha as obras acollidas ao plan de camiños da AGADER

0

Aproveitando o bo tempo destes últimos días, o Concello iniciou as dúas obras incluídas como proxecto único na liña anual de axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Trátase da reparación do camiño que une os lugares do Vilar e Vilanova, en Lamas, e a pista que vai desde A Penamoura até a Fontela, en Naraío. O investimento total alcanza os 56.840 €, ive incluido, e dos traballos adxudicáronselle á empresa Canarga S.L., tras obter a maior puntuación entre as 9 ofertas recibidas no proceso de contratación.

A adxudicataria comezou os traballos  xa hai varios días preparando as dúas  áreas de intervención cunha limpeza do firme preexistente e tamén das cunetas. A pista entre a Penamoura e A Fontela  mide 1.1 quilómetros e a solución adoptada para súa reparación foi o aglomerado asfáltico, dado que garante unha maior durabilidade ante as dificultades de drenaxe que presenta o trazado nesa zona e, especialmente, o forte desnivel que se debe salvar entre a parte máis baixa da pista -a da Fontela- e a máis elevada -a da Penamoura-. Ademais, o aglomerado tamén permitirá manter a continuidade do firme nunha vía  que, á súa vez, fai de enlace entre a pista O Chao – A Bidueda e a antiga estrada das Pontes. Esta obra quedou lista o martes pola mañá.

No outro eixo, desde O Vilar ata Vilanova, en Lamas, comezarán as reparacións entre hoxe e o luns. Son algo máis de 2 quilómetros de distancia  que se amañarán en toda a súa lonxitude cun novo pavimento de ata tres capas de rego asfáltico sobre un ancho medio de 3,5 metros. Tal e como se sinala no proxecto, a pista soporta maiormente tráfico lixeiro do interior da parroquia, de xeito que o técnico redactor considerou como máis axeitado este tipo de firme.

Este paquete viario acolleuse ás axudas do antigo “Plan Marco” da AGADER, agora chamado Plan de mellora de camiños municipais 2018-2019.  En anteriores convocatorias o programa especificaba como requisito que os camiños para reparar debían dar acceso a explotacións agrarias. Porén, tanto en 2017 como no presente período -2018/2019- esa esixencia desapareceu e agora como condición xenérica  establécese que se trate da ampliación, mellora ou mantemento de camiños municipais, entendendo como tales o ancheado, a reparación completa do firme -non valen rebacheos- ou o acondicionamento de sistemas de drenaxe e contención. A San Sadurniño correspondéronlle 64.000 euros, mentres que o contrato se adxudicou en 56.840 euros ive incluído.

Share.