En marcha a campaña de vacinación contra a gripe

0

2020 foi o ano con menos incidencia do virus da gripe. As persoas especialistas en saúde pública aseguran que os escasos contaxios confirmados se deberon ao uso das máscaras obrigatorias para protexernos da COVID-19 e tamén ás restricións da mobilidade e das capacidades en espazos públicos. Porén, co alivio destas obrigas cabe agardar que a gripe volva facer das súas, complicando as urxencias hospitalarias e, por se fose pouco, mostrando síntomas que poden confundirse cos dunha afección por coronavirus. Así, o máis recomendable é vacinarse. A campaña anual de inmunización comeza hoxe en Galicia polos colectivos máis vulnerables -persoas de 65 ou máis anos e residencias- e nas próximas semanas o obxectivo do SERGAS é alcanzar o maior número posible de doses inoculadas seguindo un programa que se desenvolverá en varias etapas por grupos de idade ou risco. Para vacinarse é obrigatorio solicitar cita previa no Centro de Saúde (981 495 295), preferiblemente nos días previos a que comece cada fase.

A primeira desas etapas xa botou a andar o pasado 18 de outubro coa vacinación do persoal dos centros sanitarios do SERGAS e privados.

A segunda fase, que empeza este 25 de outubro, diríxese a persoas a partir dos 65 anos e a aquelas que estean de maneira prolongada en institucións tales como residencias de persoas maiores ou discapacitadas, ademais das traballadoras e traballadores destes servizos, sexan públicos ou privados.

A partir do 15 de novembro o grupo diana será o composto por persoas con idades entre 60 e 64 anos, menores de 60 anos con patoloxías de risco, embarazadas ou nais recentes, rapazada prematura con idades entre os 6 e os 24 meses, persoal dos servizos esenciais, persoas con exposición laboral e quen traballe en oficinas de farmacia.

A fase de vacinación para a poboación xeral botará a andar o 29 de novembro e prolongarase até o 31 de decembro.

Que haxa datas de inicio predeterminadas para cada franxa de idade ou situación non significa que perdamos a oportunidade de vacinarnos se o SERGAS xa está picando ao seguinte grupo. O Servizo Galego de Saúde aclara na web gripe.segas.es que as administracións da vacina para cada grupo novo se solaparán coas dos anteriores. É dicir, non se agardará a completar un grupo para empezar co seguinte.

Na mesma web tamén se informa de que recentemente foi aprobada a terceira dose de reforzo fronte á COVID-19 para as persoas de 70 ou máis anos, sempre e cando transcorresen 6 meses desde a segunda inxección. O SERGAS fará da seguinte maneira:

  • En persoas de 80 ou máis anos, administrarase de xeito simultáneo coa da gripe. Será o SERGAS quen cite directamente a quen se encontre neste grupo.
  • As persoas de 70 a 79 anos deberán pedir cita para a vacina da gripe e o SERGAS avisará despois para recibir a terceira dose fronte á COVID-19.

Para vacinarse hai que solicitar cita previa a través da app Sergas Móbil, da web E-Saúde ou, o máis doado e directo, chamando ao Centro de Saúde981 495 295. As veces daranse a medida que vaian abrindo os períodos de cada grupo de idade. Esta mañá comentábannos desde o propio centro médico que o máis aconsellable é pedilas desde uns días antes ao arranque de cada fase.

 

 

 

Share.