“Los Charlies” vencen no VII Tetramaratón de San Sadurniño

0

Primeiro festivo da Semana Santa e, xa case tradición, día de deporte en San Sadurniño. Desde as 9.30h. e ata pasadas as catro da tarde, o pavillón municipal e as pistas dianteiras do CPI acolleron a sétima edición do tetramaratón local no que un total de 12 equipos mediron forzas xogando a volei, baloncesto, fútbol sala e hóckey. Foi unha xornada deportiva marcada polo bo tempo e a rivalidade contida que, porén, se desbocou principalmente nas semifinais e na final, disputada por Os Picapeixes e Los Charlies que, ao remate, serían quen alzarían o trofeo de campións do tetramaratón.

Nesta edición participaron na competición un total de 72 deportistas cunha presenza maiormente masculina malia que as bases promovían que os equipos fosen mixtos. A diferenza do ano pasado, neste o sol non foi un factor determinante, posto que alumaba pero non queimaba e axudou a que as competicións do exterior -o fútbol sala e o hóckei- non fixesen tanta mella no estado físico dos xogadores e xogadoras.

A cita estaba posta para as 9.30h. e pouco se retrasou. Pouco despois das dez empezaron os partidos cos equipos distribuídos en catro grupos nos que se debía xogar a fútbol sala, baloncesto 3×3 e hóckei a un único enfrontamento de 10 minutos a reloxo corrido, mentres que no cuarto deporte -o volei- o crono se substituíu por dous sets a 7 puntos.

No tetramaratón priman a forma e a polivalencia. Dúas características que marcan a maneira en que se forman os equipos nos días previos á competencia. Todos eles adoitan ser eclépticos, con xente moi nova e algunha non tanto, con compoñentes de deporte diario e compoñentes máis sedentarios… O que si é común é o esforzo que se fai para buscar aliñacións nas que se xunten cracks en distintas disciplinas e, se se pode, que se defendan ben en todas. O resultado é que os encontros se van sucedendo moi igualados e cunha emoción que vai medrando a medida que se van acumulando puntuacións.

As semifinais xogáronas, dunha banda, o Avenida -equipo que defendía o título alcanzado o ano pasado- e Os Picapeixes e, de outra, O Mesón O Forno e Los Charlies. Quizais a semifinal máis dura e competida foi a primeira, que cumpriu desempatar xogando a volei. En ambos equipos había membros do Aldebarán da SM2 e, ao final, as actuacións de Blanco -adestrador do Aldebarán- e de Saulo Costa foron decisivas para que Os Picapeixes obtivesen o pase. A outra semifinal foi máis tranquila e con dúas victorias e dous empates, Los Charlies convertéronse tamén en finalistas.

A final houbo que xogala aos catro deportes e foi tamén unha serie intensa de enfrontamentos que mantivo a emoción ata o final. Empate a volei, empate a baloncesto, empate a hóckei e victoria a fútbol sala para Los Charlies, o que lles valeu para facerse co VII Tetramaratón de San Sadurniño. A entrega de trofeos produciuse preto das 16.30h. Unha hora que seguramente obrigue a reformular o desenvolvemento da competición en próximas edicións de cara a facela máis áxil e garantir que se poida ir xantar a unha hora máis apropiada que a da merenda.

No facebook do Concello de San Sadurniño hai unha completa galería fotográfica sobre o tetramaratón.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0390_gl.html#/-1/

Share.