É momento de tratar o verme dos buxos e trampear contra da velutina

0

Levamos varios días de primavera meteorolóxica e esta fin de semana entraremos na astronómica. Tras meses encadeados de auga e vento xa se nota o cambio do tempo, que vén acompañado do espertar de árbores e flores, pero tamén de dúas das pragas que máis nos están afectando: os vermes dos buxos e as avespas asiáticas. É momento, polo tanto, de retomar as prácticas que poden frear o seu avance. No caso da Vespa velutina nigrithorax toca facer un trampeo sistemático para capturar raíñas, mentres que para protexer as sebes de buxo recoméndase empezar cos tratamentos contra as primeiras xeracións do verme da Cydalima pespectalis.

No noso concello xa se detectaron as primeiras eirugas papabuxos Trátase dunha especie de avelaíña que pasa pola fase de ovo, verme e bolboreta. O seu momento máis activo é entre os meses de abril e setembro, cando poden reproducirse -dependendo do tempo- ata tres ou catro xeracións, e logo, durante o outono e o inverno, o insecto permanece en hibernación.

Agora estamos na primeira fase, con vermes  recén saídos do ovo facilmente identificables pola súa cor verde clara e cabeza negra. Son moi voraces papando as follas máis tenras e os abrochos novos e, así que van medrando -e tirando a unha cor verde máis escura-, roen practicamente toda a planta ata acabar matándoa. Iso tamén é doado de ver pola falta de follas e o aspecto seco que empezan a presentar o arbusto.

A medida de control máis efectiva é a que podemos adoptar neste momento detectando a eiruga nas súas fases iniciais e aplicando un produto fitosanitario. Tal e como se indica na web da Consellaría do Medio Rural, é moi importante mollar toda a masa vexetal, incluso o interior do seto para alcanzar o maior número de eirugas posible, xa que as  materias activas autorizadas  funcionan por contacto ou inxestión.  Deberán seguirse estritamente as instruccións das etiquetas. En sebes que presenten indicios da praga é conveniente facer un lavado a presión antes do tratamento fitosanitario con algunha das materias activas autorizadas:

Materia activa Nome comercial Autorización de uso
Bacillus Thuringiensis var. kurstaki 32% Delfin Non profesional en calquera ámbito
Deltametrín 2,5% Decis Profesional
Cipermetrín 10% Ralbi 10 Profesional

 

Avespas asiáticas
Ademais de atenderlle ás avelaíñas dos buxos, tamén temos que vixiar de preto ás velutinas. As raíñas fundadoras de novas colonias xa espertaron do seu letargo invernal e andan a voltas coa construción dos niños primarios nos que criaren a primeira xeración de obreiras.

Os trampeos xa deberían ter comezado no mes de febreiro e agora temos que seguir poñendo trebellos preto de arbustos de floración temperá tan comúns nos nosos xardíns como son as camelias. Neles podemos colocar trampas de fabricación caseira: collemos unha botella de plástico, cortámoslle a parte superior e despois dámoslle a volta á parte sobrante para colocala de novo na botella a xeito de funil. Velaí un sinxelo manual. Dentro haberá que botar un líquido atraente comercial ou ben algunha mestura que poidamos facer nós. Disque dá bo resultado é elaborada con levadura do pan disolta en auga. Esta receita prepárase con 5 litros de auga, 2 quilos de azucre e 50 gramos de levadura.

Trala colocación das trampas hai que facer un seguimento da súa efectividade e, de paso, repoñer o líquido atraente. Dependendo da calor que faga o ideal é cambialo cada 10 ou 15 días.

San Sadurniño volverá asinar o convenio para a retirada de niños
A velutina leva en Galicia 7 ou 8 anos  e toda a información  sobre a loita así como a execución do plan de erradicación dependen agora da Consellaría da Presidencia, Xustiza e Turismo. Segundo a última estatística -publicada o 15 de decembro- en San Sadurniño atendéronse en 2020 entre 101 e 250 avisos por detección de niños, unha cifra que sobe a máis de 250 en concellos limítrofes como Valdoviño ou Narón, mentres que municipios como Moeche, As Somozas, As Pontes, Neda ou A Capela están por debaixo dos 100.

Iso en canto a avisos -os niños que non se notifican non aparecen- e tendo en conta que a estatística só reflicte os datos dos municipios adheridos ao acordo para a vixilancia e a eliminación de colonias suscrito o ano pasado entre a Xunta e a FEGAMP. San Sadurniño sumouse ao convenio naquel momento e neste 2021 volverá facelo. De acordo con el, a Xunta comprométese a retirar nun máximo de 5 días hábiles os niños que se comuniquen ao 012.

Share.