Desde hoxe pode solicitarse o subsidio excepcional por desemprego

0

O Boletín Oficial do Estado  sacou onte dúas resolucións do Servizo Público de Emprego Estatal nas que articula os requisitos e o xeito de solicitar o subsidio excepcional por desemprego anunciado no Real Decreto-lei 11/2020, de 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para afrontar a repercusión da COVID-19 sobre o emprego. A primeira das resolucións refírese a empregadas e empregados do fogar que quedasen sen traballo ou que visen reducida a súa xornada por mor do Estado de Alarma. A segunda  atende ás persoas con contratos temporais que finalizasen trala declaración do Estado de Alarma e que non conten con suficiente tempo cotizado para accederen á protección por desemprego. As solicitudes poden presentarse a través da sede electrónica da SEPE ou cubrindo os impresos e enviándoos por correo postal.

Vaiamos por orde de publicación no BOE. A primeira das resolucións é a da tramitación de solicitudes do Subsidio Extraordinario por falta de actividade para persoas integradas no Sistema Especial para Emprego do Fogar do réxime xeral da Seguridade Social.

Poderase pedir este subsidio se antes do 14 de marzo se traballaba como empregada ou empregado do fogar dado de alta na Seguridade Social e sempre que a declaración do Estado de Alarma lle afectase a un ou varios traballos que se estivesen facendo até aquel momento,  ben porque a persoa empregadora reduciu o número de horas da xornada total ou parcialmente ou ben porque optou polo despedimento.

O subsidio será do 70% da base reguladora da actividade que se deixase de realizar, sen poder superar o límite de 950€, excluida a parte proporcional das pagas extraordinarias. Ademais, a contía final tamén dependerá dos ingresos que se perciban pola realización doutros traballos e da redución que houbese neles. É dicir, se traballabamos -por exemplo- en tres casas e en dúas delas nos reduciron a xornada ou nos despediron, poderiamos optar ao subsidio aínda que continuemos traballando na terceira.

Aplicarase desde a data en que nos desen de baixa na Seguridade Social (ou desde que nos reducisen a xornada) e até un mes despois do fin da vixencia do Estado de Alarma -ou ata que nos reincorporemos ao traballo coa xornada habitual-, sempre que durante todo ese período se manteñan os requisitos. Cómpre ter en conta que o subsidio non é compatible cunha prestación por incapacidade temporal ou do permiso retribuído recuperable, nin tampouco coa realización de traballos polos que se perciban ingresos superiores a 950€, entre outros.

A solicitude pode facerse en liña a través da sede electrónica do SEPE -fai falla DNI electrónico, certificado ou Cl@ve- e na web dese servizo tamén están dispoñibles os formularios para a súa descarga (sen necesidade de certificado) para logo rexistralos por outras vías: a través do rexistro municipal (sempre con cita previa) ou nas oficinas de Correos, con destino á Unidad Subsidio Empleadas Hogar.  Dirección General del Servicio Público de Empleo Estatal, Calle Condesa de Venadito Nº9, 28027-Madrid.

Ademais dos formularios que se poden cubrir e imprimir directamente tamén fai falla achegar unha fotocopia que acredite a identidade da persoa solicitante e a de todas as persoas empregadoras, que tamén deberán suscribir unha declaración responsable sobre as condicións laborais e de redución da xornada. De ser o caso tamén se achegará a carta de despedimento.

A información completa sobre o procedemento encóntrase nesta web, xunto coa seguinte documentación:

Subsidio excepcional por desemprego por fin de contrato temporal
A segunda resolución publicada onte no BOE refírese ao subsidio para persoas traballadoras ás que se lles extinguise un contrato de duración determinada de alomenos dous meses de duración, aínda que esa extinción se producise con anterioridade ao 2 de abril, data na que entrou en vigor o RD-Lei 11/2020, pero sempre con posterioridade ao 14 de marzo que que se decretou o Estado de Alarma.

Os requisitos para acceder ao subsidio son os seguintes:

  • Ter inscrición como demandante de emprego e subscribir o compromiso de actividade, algo que fará o servizo público de emprego de Galicia de oficio.
  • Non contar coa cotización necesaria para acceder a outra prestación ou subsidio por desemprego
  • Ter cesado de forma involuntaria a partir do 15 de marzo de 2020 nun contrato por conta allea de duración determinada durante o que existira a obriga de cotizar por desemprego e cuxa vixencia fose igual ou superior a dous meses.
  • Carecer de rendas de calquera natureza superiores ao 75% do salario mínimo interporfesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias. (Contías en vigor para este ano)
  • Non percibir ningunha renda mínima, renda de inclusión, salario social ou axudas análogas concedidas por calquera Administración Pública.
  • Non estar traballando por conta propia ou allea a xornada completa na data da extinción do contrato nin na do nacemento do subsidio excepcional.

O subsidio consistirá nunha axuda mensual do 80% do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, o (IPREM), e o seu pagamento farase a partir do mes seguinte ao da solicitude. Surtirá efecto desde que se extinguise o contrato e, no caso de que houbese dereito a vacacións, unha vez que transcorra ese período.

Trátase dun subsidio excepcional que durará só un mes -ampliable se así se determina por Real Decreto-lei- e non poderá percibirse en máis dunha ocasión. Cómpre ter en conta tamén que as cotizacións acreditadas para esta axuda non se poderán ter en conta para o recoñecemento de futuras prestacións.

A persoa traballadora cumprimentará o formulario de pre-solicitude de prestación individual dispoñible na sede electrónica da SEPE. Terá efectos de solicitude provisional e deberá enviarse á entidade xestora a través da mesma sede. Tamén se pode presentar o formulario debidamente cuberto a través do rexistro municipal (insistimos, con cita previa chamando ao 981 490 027). O prazo de presentación finalizará un mes despois de que remate a vixencia do Estado de Alarma. É importante que a empresa envíe a través do sistema Certific@2 -se non o fixo aínda- o Certificado de Empresa da persoa traballadora.

Hai máis información a través deste apartado da web do Servizo Público de Emprego Estatal.

Ligazón ás publicacións do BOE:

Resolución de 1 de mayo de 2020, del Servicio Público de Empleo Estatal, por la que se establece el procedimiento para la tramitación de solicitudes del subsidio excepcional por desempleo regulado en el artículo 33 del Real Decreto-ley 11/2020, de 31 de marzo, por el que se adoptan medidas urgentes complementarias en el ámbito social y económico para hacer frente al COVID-19

Resolución de 30 de abril de 2020, del Servicio Público de Empleo Estatal, por la que se desarrolla el procedimiento para la tramitación de solicitudes del subsidio extraordinario por falta de actividad para las personas integradas en el Sistema Especial para Empleados de Hogar del Régimen General de la Seguridad Social regulado en el Real Decreto-ley 11/2020, de 31 de marzo, por el que se adoptan medidas urgentes complementarias en el ámbito social y económico para hacer frente al COVID-19.

Share.