Declaración Institucional do 25 de Novembro, Día Internacional da erradicación das violencias contra a Muller

0

O 25 de novembro foi declarado Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 1999, instando a gobernos, organizacións non gobernamentais e á sociedade civil no seu conxunto a planificar e desenvolver accións de sensibilización ao respecto
da situación de violencia vivida por moitas mulleres.

Desde aquela data son numerosas as accións e esforzos que as administracións públicas vimos realizando para contribuir á eliminación da violencia machista como expresión máxima e máis cruel da desigualdade estrutural entre existente entre xéneros.

Froito destes esforzos, impulsados sempre desde o feminismo, podemos dicir, sen dúbida, que Galiza, é exemplo de importantes avances institucionais, como o recoñecemento da violencia vicaria como violencia machista. Como tamén o é da loita feminista representada en importantes mobilizacións, como amosa a
cada vez maior resposta aos feminicidios en convocatorias e asistencia, ou as históricas manifestacións dos 8 de marzo.

Neste contexto, aínda que temos avanzado, debemos recoñecer tamén que queda moito por facer e destacar que nos atopamos nun momento histórico de ameazas e retroceso en materia de igualdade.

Así, un novembro máis, os datos persisten en lembrarnos que a violencia machista segue a ter unha forte presenza na nosa sociedade. Recentemente, neste outubro pasado, o Observatorio do Consello Xeral do
Poder Xudicial, indicaba que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 2022, ata 1.813 denuncias por violencia machista, un 9.9%máis que no mesmo período do ano 2021.

Temos que lamentar o asasinato de 38 mulleres no que vai deste ano 2022. Hai 24 criaturas orfas froito da violencia machista neste ano.

Todos estes, son datos obxectivos que impiden mirar para outro lado, ou negar a realidade, e que polo tanto nos obrigan a facer máis, a renovar os nosos compromisos, e a exixir o máximo esforzo na dotación de recursos para a prevención, a educación, a protección e atención ás mulleres e crianzas víctimas
da violencia machista.

Mentres, temos que ver como medran os discursos misóxinos, que cuestionan a desigualdade e a violencia machista, con especial forza entre homes novos e adolescentes, que con cada vez máis frecuencia negan a existencia da violencia machista, ou relativizan o impacto da desigualdade entre xéneros na vida das
mulleres.

Atendendo ao que, debemos estar alerta ante feitos que anuncian un retroceso, cando sabemos que as xeracións máis novas son o noso futuro, e polo tanto precisan ser conscientes da existencia da violencia machista, e da desigualdade.

Debemos contribuir á súa formación en igualdade e dotarlos de ferramentas que lles permitan identificar e opoñerse á violencia. Nós, como representantes públicas debemos comprometernos no noso discurso, deixando fóra calquera forma de expresión ou actitude que alimente a dúbida, ou que fomente este
retroceso.

Sumada á preocupación pola vixencia da violencia machista, o contexto do ano 2022 engade un novo factor de vulnerabilidade, froito dunha situación económica na que a escalada de prezos que estamos a vivir desde hai máis dun ano impacta con máis virulencia nas mulleres, afondando aínda máis a desigualdade.

Estamos pois fronte un conxunto de factores que fan imprescindíbel que as administración revaliden o seu compromiso co impulso e apoio económico das medidas de fomento da igualdade e loita contra estas violencias. De xeito moi especial aquelas que contribúen a achegar recursos máis próximos á cidadanía.
Destacamos así o papel relevante que os Centros de Información ás Mulleres, unha rede importante, máis que arrastra carencias como son a falta de cobertura ao longo de todo o territorio, ou a insuficiencia nos cadros de persoal.

Debemos reivindicar a necesidade de poñer en marcha, en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial, os novos xulgados de violencia machista en Santiago de Compostela, Ourense e Lugo e tamén de continuar avanzando no desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado e na coordinación entre os
diversos axentes sociais para mellorar a resposta institucional que evite o risco de vitimización secundaria.

Nesta data o Concello de San Sadurniño quere revalidar o seu firme compromiso coa igualdade, de xeito moi específico no relativo aos esforzos pola eliminación da violencia machista da nosa sociedade, por todo isto expresamos:

  1. O apoio da corporación ás mobilizacións feministas convocadas ao abeiro do 25 de novembro de 2022 contra a violencia machista.
  2. Demandamos das diferentes administración con competencias o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero.
  3. Requirimos da Xunta de Galiza a aprobación dun programa de ampliación e extensión dos CIM dun xeito consensuado e coordinado coa FEGAMP
  4. Esiximos ao Estado a posta en marcha, en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial, dos xulgados de violencia en Santiago, Lugo e Ourense.
  5. O Concello de San Sadurniño comprométese a manter accións de sensibilización, educación e prevención en coordinación co CPI de San Sadurniño, a impulsar o traballo a través da Mesa Local de coordinación Interinstiucional contra a violencia de Xénero, a manter activo o recurso do Lavadoiro para cumprir co pacto comunitario creado arredor deste novo recurso, e a garantir cantas accións sexan precisas no proceso de acompañamento e asesoramento a mulleres vítimas da violencia machista no noso territorio.

San Sadurniño, 25 de novembro de 2022
Día Internacional da erradicación das violencias contra as mulleres e nenas

Share.