Cultura adapta as “Entroidadas” ás novas restricións

0

Hai uns días lanzamos a convocatoria do concurso de Entroido co que o departamento de Cultura quere manter viva a tradición da troula e a irreverencia previa á Coresma, incluso durante esta época de recollemento pandémico. Desde onte están en vigor novas restricións da mobilidade e do agrupamento de persoas -ademais doutras-  que se manterán polo menos até o Mércores de Cinsa. Por esta razón, desde Cultura foi necesario darlle unha pequena volta ás “Entroidadas” para adaptalas á normativa, aínda que os cambios son mínimos. Neste sentido o concurso segue mantendo a súa filosofía, pero limita a participación unicamente a máscaras individuais ou pequenas comparsas formadas exclusivamente por conviventes. Ademais tamén muda o reparto dos premios no apartado dirixido a grupos e as inscricións para calquera das categorías recoméndase facelas por teléfono, whatsapp ou correo electrónico, en vez de acudir presencialmente á Casa da Cultura . En calquera caso, o importante é coidarse e, mentres tanto, ir buscando no faiado, remexendo nos caixóns e pensando nas coplas para participar nun Carnaval distinto que celebraremos a través das redes sociais. Recordemos como vai ser a cousa:

“Entroidadas” premiará as mellores máscaras nun formato de concurso que se desenvolverá de maneira virtual. Poderán participar as veciñas e veciños empadroados ou residentes no municipio e fará falla inscrición previa chamando ou mandando un whatsapp ao 616 332 919 ou remitindo un correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Haberá que indicar os datos da persoa ou persoas participantes -nome e apelidos-, a categoría na que se participa, o enderezo e un teléfono de contacto.

Os disfraces terán que ser de fabricación artesanal. Non hai ningún tipo de restrición temática, pero si se insiste niso, en que as persoas participantes deberán lucir indumentarias feitas na casa, nada de comprar os traxes. De feito, segundo poñen as bases, ese será motivo suficiente para quedar fóra do concurso.

Cada persoa só poderá participar unha soa vez e nunha única categoría. No apartado individual, son as seguintes:

  • Infantil (ata 7 anos), que poderán levar tres premios en forma de vales de 50€ para cambialos por material didáctico na Libraría Brétema.
  • Xuvenil (de 8 a 15 anos), para os que se reservan outros tres bonos de 50€ canxeables en Brétema.
  • Adulta (de 16 anos en diante), tamén con tres vales de 50€ para gastalos no comercio local.

Para entrar  no concurso fará falla enviar ao correo ou ao whatsapp de Cultura como máximo dúas fotos , indicando o nome que se dese na inscrición previa. As fotos serán valoradas por un xurado formado por tres persoas que mirarán a orixinalidade e a creatividade.

Tamén hai un apartado dirixido a comparsas formadas por quen vivan na mesma casa, posto que a normativa preventiva en vigor non permite, con carácter xeral, grupos de non conviventes. As comparsas que se formen só para lucir os seus traxes só terán que mandar unha ou dúas fotos de grupo, igual que nas categorías individuais. Nese caso concederase un único premio -que valorará a súa orixinalidade- consistente nun vale de 100 € por un xantar ou cea  nun restaurante ou casa de comidas local.

Porén, Cultura tamén premiará aquelas comparsas de conviventes que preparen coplas, coreografías, cancións… ou todo ao mesmo tempo.  Porén, en vez de foto, nesta categoría deberán mandar por whatsapp ou correo un vídeo -preferiblemente gravado en horizontal- onde se escoiten e vexan ben os seus retrousos satíricos. Para elas hai reservado, tamén como premio único,  un vale de 150€ por un xantar ou cea nalgún dos establecementos do territorio.

Ademais, o día da entrega dos galardóns, tamén se sortearán cinco lotes de produtos de proximidade entre as persoas participantes non premiadas.

Tanto as fotos como os vídeos poden remitirse até as 14.00h. do mércores 17 de febreiro. Ao longo desa xornada todas as imaxes recibidas publicaranse no Facebook do Concello, de maneira que o Entroido de San Sadurniño se convirta nunha cita virtual da que toda a veciñanza poida gozar desde a casa.

O fallo do xurado darase a coñecer o 26 de febreiro publicándoo na web municipal e os premios para cada categoría entregaranse, se a situación sanitaria o permite, o sábado 6 de marzo ás 12.00h. na Casa do Concello.

Bases actualizadas do concurso

Share.