Couza da pataca, couza dos buxos e avespa asiática: FIGHT!

0

O Concello recibiu este xoves a comunicación oficial por parte da Xunta sobre o mantemento durante alomenos outro ano máis das medidas de erradicación da couza guatemalteca da pataca. Polo tanto amplíase ata 2020 a prohibición de sementar nos concellos demarcados dentro da corentena decretada en 2017, entre eles San Sadurniño, ao tempo que se mantén a posibilidade de facelo nos concellos veciños de Moeche, Cerdido, As Somozas e Cedeira. Por outra banda, e en relación coas pragas, agora tamén cómpre prestarlle atención ás avelaíñas dos buxos e, como vén sendo habitual nesta época, aos trampeos de primavera contra da velutina.

Cómpre recordar que xa en 2017, cando se decretou a prohibición, xa se sinalaba que o prazo inicial de dous anos podería ampliarse ata os cinco se continuaban aparecendo avelaíñas nas zonas infestadas. A normativa tamén di que a praga só se considerará erradicada se durante dous anos consecutivos non se detecta ningunha presenza de couza.

Por este motivo é moi importante respectar a lei e non plantar, nin sequera un rego. A loita baséase principalmente en que non haxa pataca na terra para que a polilla non poida alimentarse nin reproducirse. Plantando ilegalmente estase contribuíndo a que o problema persista e, en consecuencia, a que se sigan mantendo as prohibicións.

A Xunta comunicou tamén que nos próximos días enviará folletos informativos, aínda que sen precisar o seu contido, polo que cabe agardar que se trate de carteis e follas a xeito de recordatorio sobre a prohibición e as medidas preventivas que se deben adoptar nas leiras por se aínda quedase algunha pataca ventureira.

Ademais, disque o goberno autonómico tamén reforzará os controis para detectar plantacións ilegais. Hai que lembrar que saltarse a prohibición pode supoñer unha sanción de 3.000 euros.

Onde si se pode seguir plantando con supervisión oficial -é necesario comunicarllo á Xunta despois de facer a semente- é nas zonas denominadas como “tampón”, é dicir, en Moeche, Cerdido, As Somozas e Cedeira. Para obter máis información pódese acudir á Oficina Agraria Comarcal ou contactar co Servizo de Explotacións Agrarias no teléfono 981 182 579.

Couza dos buxos
Ao clube das pestes que nos invaden uníuselle recentemente unha nova unha nova praga: a couza do buxo ou papabuxos -Cydalima pespectalis-, procedente das rexións subtropicais de Asia. Trátase dunha avelaíña que pon entre 200 e 500 ovos dos que saen unhas eirugas de cor amarela brillante e cabeza negra. Este insecto come as follas do buxo e mesmo pode acabar secándoo.

As eirugas son moi voraces e contra delas só hai produtos químicos a base de piretroides e tratamentos de base natural coma o aceite de parafina ou o azadiractin, aínda que son bastante traballosos de aplicar posto que non se pode deixar ningunha folla sen mollar para que teñan efecto.

Trampeo contra da velutina
Se o tempo segue así imos ter unha primavera adiantada e, polo tanto, que as velutinas esperten antes do seu letargo. É nesta época do ano cando as fundadoras abandonan os seus tobos en árbores e ribazos para construíren pequenos niños primarios onde criar a primeira remesa de obreiras. A cousa é que, por cada raíña que se pille neste momento, haberá un problema menos do que preocuparse a partir do verán, cando as avespas se multiplican rapidamente e son especialmente activas atacando as colmeas e as árbores froiteiras.

Recoméndase retomar o trampeo a partir deste momento, colocando os engados en zonas onde o ano pasado aparecesen niños secundarios e tamén preto de árbores de floración invernal, como poden ser as camelias. O obxectivo é capturar raíñas fundadoras de novas colonias xusto cando  saen da hibernación para facer novos niños. A teoría é que por cada fundadora que caia nunha trampa haberá unha colonia menos da que preocuparse no futuro.

Share.