Convocado pleno extraordinario para tarde deste xoves

0

O pleno municipal volverá reunirse este xoves a partir das 19.30h. nunha sesión extraordinaria que incorpora catro puntos na súa orde do día. O primeiro deles será o habitual de visto e prace á acta da sesión anterior, mentres que o resto abordarán a aprobación dun plan económico e financeiro, a modificación do orzamento para acomodar a convocatoria dunha praza eventual para os servizos administrativos e, por último, o acordo da corporación de cara a solicitar unha subvención á Consellaría de Política social.  Ao tratarse dun pleno extraordinario non se contempla quenda para mocións, rogos e preguntas. Iso si, igual que calquera outra, a sesión é aberta ao público e o audio íntegro do debate estará dispoñible na web e nas redes sociais pouco despois de que remate. 

O primeiro asunto, o da aprobación do plan económico e financeiro, está relacionado coa normativa estatal que limita o teito de gasto dos concellos. En 2015 San Sadurniño acolleuse ao Plan de Aforro e Investimento impulsado pola Deputación, o denominado P.A.I., a través do que se destinaron máis de 200.000 euros ao acondicionamento do centro de empresas, á construción da Casa da Xuventude e ao arranxo de varias pistas municipais. Para participar neste programa consistente nunha liña de crédito sen xuros durante dez anos fíxose unha modificación no orzamento co apoio unánime dos tres grupos municipais no pleno do 13 de febreiro de 2015. Unha modificación que supuxo incrementar o apartado de investimentos pero tamén sobrepasar a regra de gasto establecida na normativa estatal desde 2012.

A realización do plan económico e financeiro que se someterá ao pleno vén establecer o compromiso municipal de reequilibrar o orzamento de cara a non superar a regra de gasto e cumprir cos requisitos de sostenibilidade financeira que se lle esixen as administracións públicas. Neste sentido a aprobación da liquidación orzamentaria do ano pasado -en exposición pública nestes días- indica que San Sadurniño pechou o ano cun remanente de tesouraría de 545.654 euros. Dato este último que se incluirá no balance orzamentario que seguramente se leve a pleno na sesión ordinaria de setembro.

O seguinte punto do pleno -moi relacionado co anterior- atinxe á modificación do capítulo de persoal do orzamento deste ano para incorporar un posto administrativo que lle dea apoio aos servizos económicos municipais por acumulación de tarefas. Deste xeito, o Concello convocará unha praza funcionarial de interinaxe por un periodo máximo de 6 meses co obxectivo de axilizar tanto o labor contable como a tramitación de expedientes administrativos, en cumprimento dos supostos que permiten salvar a prohibición estatal de incrementar a masa salarial dos municipios. Unha prohibición que, na práctica, se traduce na imposibilidade de contratar novo persoal salvo en casos puntuais e debidamente xustificados.

Por último, o pleno tratará a solicitude dunha subvención á Consellería de Política social por un importe próximo aos 20.000 euros ao abeiro da orde de 13 de xullo de 2016. O Concello busca con esta solicitude obter finanzamento para acometer a climatización da escola infantil municipal e o acondicionamento dunha parte do acceso principal como área de xogos cuberta.

Share.