Convocadas axudas para o vacún de carne e o sector da flor e a planta ornamental

0

O Diario Oficial de Galicia saca hoxe unha orde da Consellaría do Medio Rural a través da que se convocan axudas “temporais e excepcionais” destinadas a explotacións agrarias de flor cortada, viveiros de planta ornamental e agrupacións ou asociacións profesionais que se dediquen á comercialización deste tipo de producións. Ademais, na orde de subvencións tamén se inclúen as persoas titulares de explotacións de carne de vacún. Segundo aparece no DOG, o boxectivo da convocatoria é “garantir a continuidade da actividade empresarial” neses sectores agrarios, considerados “os máis desfavorecidos” pola incidencia da crise da COVID-19. O prazo de solicitude será dun mes contado a partir de mañá.

As axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e asignaranse “a tanto global” tomando como referencia, no caso da flor e a planta ornamental -tamén aromática e condimentaria-, as unidades de traballo que teña cada explotación (a UTA refírese ao traballo efectuado a tempo completo por unha persoa dedicada á actividade agraria durante un ano).

Así, no caso de produtores e produtoras, as axudas poderán chegar como máximo aos 1.750€ se se teñen menos de 0,5 unidades de traballo agrario -, a 3.500 euros se as unidades están entre 0,5 e menos de 1 e  ata 7.000 euros se as UTA pasan de 1.

Se falamos de comercializadores -asociacións, agrupacións e organizacións de produtores e produtoras que comercialicen-, os tramos das axudas calcúlanse en base ao número de socios/as que produzan a planta ou a flor cortada e, de non ter entidade propia, polo número de unidades de traballo que sumen en conxunto. Os importes máximos irán dos 6.250 euros se están entre 1 e 5 socios/UTA’s aos 50.000 se son máis de 20.

As axudas directas para o sector do vacún de carne calcularase segundo o número de vacas nutrices que posúa a explotación. Hai 13 tramos de axuda que van de dez en dez desde as 10 a 19 vacas nai até as 130 a 139 nutrices. A contía empeza nos 900 euros do primeiro tramo e vai incrementándose até os 6.750 do penúltimo, xa que tamén hai un último tramo para explotacións con 140 ou máis vacas nai que poderá chegar aos 7.000 euros.

En todo caso sempre se fala de axudas máximas, posto que se as solicitudes que cumpran os requisitos sobrepasan o importe reservado para elas -12 millóns de euros-, a Xunta reducirá de maneira proporcional as cantidades asignadas.

O prazo de petición destas axudas será dun mes contado a partir de mañá. A tramitación deberá facerse de maneira telemática presentando a documentación requirida nas bases publicadas hoxe, que poden consultarse a través desta ligazón.

Share.