Convocadas as axudas para as entidades culturais e deportivas

0

O Boletín Oficial da Provincia publica este luns 27 de marzo as bases correspondentes ás liñas de axuda destinadas a asociacións e clubs deportivos do municipio, que contan cunha partida total de 23.000 euros, divididos en 18.000 para cultura e 5.000 para deportes. As entidades culturais teñen ata o 26 de abril para presentar as solicitudes e as deportivas ata o 27.  Con todo, o montante total para Cultura e Deportes aínda será maior, xa que á parte da convocatoria en concorrencia competitiva o Concello tamén  ten previsto suscribir convenios por valor doutros 43.200 euros co Aldebarán, co C.F. San Sadurniño, coa ANPA do CPI, con Biela e Chaveta, coa AGFA do Eume, coa Asociación Galega de Apicultura, coa Asociación agroecolóxica A Cortiña e coa Asociación Brío. As bases polas que se rexerá a concesión e a xustificación das axudas foron aprobadas no Consello de Participación Veciñal do pasado mes de novembro.

No tocante a actividades culturais destinarase un montante total de 18.000 euros divididos en tres partidas: 13.000 para actividades (máximo 4.000 euros de axuda), 2.000 para mantemento e infraestrutura das entidades con local propio ou en alugueiro e, por último, 3.000 euros para as comisións de festas cun tope de 300 euros por cada solicitude.

As entidades terán que presentar unha memoria valorada de todas as actividades previstas para este ano que despois serán avaliadas de acordo con 11 criterios de puntuación acumulativa. Como novidade só cómpre destacar que sobe a valoración relativa a actividades de recuperación do patrimonio material e inmaterial, etnográfico, tradicional ou musical, que pasan de 0,1 a 1,5 puntos. A xustificación das axudas concedidas deberá presentarse antes do 30 de novembro, aínda que hai posibilidade de solicitar unha prórroga no caso de que as actividades programadas sexan posteriores a esa data.

Trala resolución da concesión de axudas -e despois de executar as actividades-, as asociacións terán que presentar facturas oficiais que sumen o total da cantidade concedida máis o 20% do importe total que se solicitou como axuda. É dicir, se unha entidade presentou un programa valorado en 10.000 euros e recibe unha subvención de 1.000, terá que xustificar un total de 3.000 euros (os 1.000 concedidos e 2.000 máis correspondentes ao 20% de 10.000 euros). Existe a posibilidade de presentar como gastos en equipamento e infraestrutura ata un 25% do total subvencionado.

En referenza ás axudas para entidades hai que ter en conta que, a maiores, o Concello tamén reservou nos orzamentos deste ano unha partida para repartir a través de convenios que, no caso de Cultura e Desenvolvemento local, se distribuirán do seguinte xeito: 4.000 euros para a ANPA do CPI, 2.000 para a Asociación Brío, 3.500 para a AGFA do Eume -que xestiona a horta de froiteiras do país-, 1.500 para a AGA e 1.200 para a asociación agroecolóxica A Cortiña.

Axudas para Deportes
No caso das axudas a entidades deportivas o importe global é de 5.000 euros, aínda que cómpre ter en conta que varias entidades tamén terán convenio e non entrarán na convocatoria, como é o caso do Aldebarán de volei -18.000 euros-, o C.F. San Sadurniño -12.000- e o Clube ciclista Biela e Chaveta, cun convenio de 1.000 €. Trátase dunha colaboración directa enfocada ao mantemento de escolas municipais e para apoio técnico en eventos organizados polo Concello.

Segundo as bases serán subvencionables os gastos correntes de funcionamento e a participación en campionatos deportivos, tales como fichas, desprazamentos, arbitraxes, rehabilitación de lesións, compra de material, etc. agás a merca de bens inmobles ou inventariables e os que teñan a consideración de investimentos (ordenadores, vehículos, maquinaria, etc.).

Os criterios para a concesión das axudas valorarán o número de fichas, o número de categorías, a titulariedade de instalacións, a aplicación práctica da igualdade de xénero -presenza feminina entre deportistas, equipo técnico e cargos directivos- e a colaboración co Concello no desenvolvemento de actividades municipais. Os clubes terán que xustificar con facturas oficiais polo menos o importe da subvención concedida máis o 20% do orzamento presentado na solicitude, unha novidade introducida na convocatoria para este ano coa que se equipara o criterio de xustificación ao do apartado cultural, onde xa viña aplicándose desde hai anos.

As axudas para Cultura poderán solicitarse ata o 26 de abril e, como se dixo algo máis arriba, as de Deportes até o día 27. A xustificación deberá presentarse, como moi tarde, o 30 de novembro a menos que se pedise formalmente unha prórroga. As comisións de festas poderán facer a solicitude durante o ano, aínda que sempre con 30 días de antelación con respecto á festa que vaian organizar.

Compromiso coa Igualdade
Cómpre lembrar, unha vez máis, que as bases están deseñadas para puntuar máis aquelas entidades e actividades en que quede patente o compromiso coa igualdade, na liña potenciar a participación social feminina tanto nos eventos organizados como na composición das directivas e na toma de decisións. Esta cuestión vén reflectida nas liñas estratéxicas do II Plan de Igualdade de Oportunidades entra Mulleres e Homes do Concello, onde tamén se recolle que a área de Igualdade  lles ofreza ás asociacións e clubs asesoramento sobre como implementar a perspectiva de xénero no seo de cada organización.

Calquera entidade que precise axuda para por en marcha o seu propio programa de igualdade ou ver de que maneira pode orientar as súas actividades neste sentido pode contactar coa axente de Igualdade no 981 490 027 (ext.1) ou enviarlle un correo electrónico a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal

Documentación descargable:
Bases subvención Cultura
Folla de solicitude Cultura (prazo de presentación ata o 26 de abril)

Bases subvencións Deportes
Folla de solicitude Deportes (prazo de presentación ata o 27 de abril)

Share.