Conclúe unha exitosa Feira da Plantación

0

Arestora, no momento de elaborar esta información, pouco despois das 20.00h., a atención informativa dentro e fóra de San Sadurniño está centrada no resultado das Eleccións Xerais. Pero tamén foi día de Feira da Plantación e cómpre facer balance do que deu de si unha xornada marcada polo sol e, sobre todo, pola afluencia de público. Canta xente houbo é algo difícil de calcular, pero de novo todo apunta a que se superaron as cifras do ano pasado, que xa fora bo abondo. Si se sabe que se repartiron as 17.000 plantas que había para agasallar, que se repartiron entre 3 e 4 por paquetiño e, a partir de aí, que cadaquén tire conclusións. En calquera caso, desde a área de Desenvolvemento local faise unha valoración moi positiva da marcha da feira tanto pola percepción xeral en canto a número de visitantes como pola satisfacción dos postos.

A feira adoita empezar a coller ritmo sobre as 10.30 ou 11 da mañá. Pero hoxe, pouco despois das dez, cando algúns postos aínda se estaban montando xa había outros vendendo a pleno rendemento. Unha tónica que continuaría durante toda a mañá, dándose o maior movemento de xente -e tamén de transaccións- no intervalo que vai das 12 ás 14.00h.

Con todo, despois de xantar tamén seguiu habendo rebumbio, máis ca outros anos, replicado en bares, restaurantes, nos xardíns municipais e no paseo fluvial do Xubia, onde mesmo asentaron algunhas familias de merendada, sabedoras de que nun día coma hoxe os establecementos de comidas penduran o cartel de “completo”.

Pero, volvendo ao tema principal, a feira funcionoulles moi ben aos postos cos que falamos, escolmando para iso o máis representativo: os viveiros de flor e árbores, os de planta para morteiros e tamén os de alimento elaborado. Algúns, como viveros Florgalicia mesmo tiveron que ir buscar máis xénero aos seus invernadoiros: “Foi unha loucura, pola mañá non nos daban as mans para atender a toda a xente. A pesar de que pensabamos que todo o mundo ía marchar á praia, pero non. A feira está consolidada como un fito na época da plantación. Saíron moi ben as flores coloridas, tipo margarida, e tivemos que ir a máis”, comentaba Micaela Campanini.

José Luís Sanjurjo, que o mesmo vendía queixo que planta ornamental e de horta, mostrábase satisfeito  preto xa da clausura da feira. “A xente vén buscando porro, cebolo, pemento… pero non te poido atender que aínda seguimos traballando”, aseguraba atarefado mentres servía unha bandexa de pementos.

Na mesma liña tamén se pronunciaba Tania Couce, de Floristería La Feria: “foi un día estupendo, moitísima xente, traballamos moi ben, sobre todo pola mañá, e agora pola tarde máis descansado, pero con moito movemento igual. Dos catro anos que levo vindo, penso que foi o mellor. Vendemos moito agasallo, moita planta xa para o Día da Nai e, curiosamente, moita flor solta para o cemiterio”.

Na outra banda da carpa, Viveiros Rey, de Valdoviño, viña por primeira vez cun grande despregamento de produto. A súa estrea en San Sadurniño “foi moi ben e a pesar de non conocernos, foinos moi ben”, aseguraba Julio Rey. O comerciante explicou como viu el o funcionamento da feira: “a xente non vén buscar nada específico, ve algo que lle gusta e mércao”. Entre a oferta dispuñan xa de hortensias, o produto que mellor saída tivo. “A hortensia aínda tarda en vir e nós témola moi adiantada, entón é espectacular á vista e á xente entroulle polo ollo”.

Lindando con el, anque dentro do recinto, o viveiro local A Casa da Planta comentaba que a xente “busca principalmente cor” e que, neste sentido, traballaron arreo durante toda a xornada. “Este ano nótase que pola tarde hai moita máis xente”, confirmou José Horjales. A iso quizais contribuiu o bo tempo e tamén unha oferta paralela ampliada, con obradoiros de queixo para a rapazada, a fantástica exhibición de baile moderno da Asociación Brío e tamén a presenza do “magomóbil” do Mago Antón, quen encheu de ilusión e sorpresa as miradas atentas de 400 persoas durante os seis pases que ofreceu ao longo do día.

Desde a área de Desenvolvemento local, Manolo Varela mostrábase “moi satisfeito” polo resultado da feira: “xa non é que estea consolidada, senón que segue medrando”, mentres que Ignacio Fernández, técnico do departamento, matizaba que de cara a próximas edicións “haberá que mirar como se fai, posto que estamos chegando ao límite do que podemos xestionar en canto a afluencia de público, tráfico, etc.”

A feira pechou preto das 20.00h., aínda que houbo postos que xa abandonaron recinto a media tarde por ter rematada a mercadoría. O responsable de Desenvolvemento local insistiu no agradecemento a Planteles Vivergal pola súa colaboración, extendida por Varela á Asociación Brío, á Deputación da Coruña “e a todos os expositores que ano a ano visten de cor San Sadurniño”.

 

Share.