Concellos e explotacións piden axudas e medidas de control do xabaril

0

O salón de plenos de San Sadurniño acolleu no serán deste xoves unha xuntanza de representantes municipais e gandeiros e gandeiras de toda a comarca para falaren da problemática do xabaril.  Ao encontro asistiron os concellos de As Somozas, Cerdido, Moeche,  Narón, Neda, Ortigueira,  San Sadurniño e Valdoviño, ademais de gandarías de toda a volta agrupadas na asociación PROLEGA e nun novo colectivo de ámbito comarcal que se constituirá proximamente. A xuntanza abordou múltiples cuestións relacionadas cun problema “difícil de solucionar” que, ademais, “non lle afecta só aos gandeiros” e que require “unha actuación urxente”, tal e como apuntou Secundino García. O rexedor local apuntou que o obxecto da reunión era o de “sacar conclusións” para trasladarllas á Xunta de Galicia como “organismo competente” na busca de medidas que permitan controlar as poboacións e tamén na apertura dunha liña de axudas que compense os danos.

Na reunión tamén se puxo de manifesto a necesidade de que as explotacións denuncien os ataques aínda que neste momento non haxa subvencións para cubrir as derramas que provocan os porcos, coa finalidade de ter constancia da dimensión real do problema. Concellos coma Ortigueira están traballando nesta liña desde hai máis dun ano, recollendo para iso todas as denuncias e individualizándoas por leiras, de cara a “levalas a onde faga falla, incluso a Bruselas”, tal e como asegurou o seu rexedor, Juan Penabad.

Porén, as demandas principais que os concellos se comprometeron a trasladarlle á Deputación, á FEGAMP e ao Parlamento galego céntranse en instar á Xunta para que tome medidas que regulen as poboacións de xabaril -“terán que ser os técnicos quen digan como facelo, non nós nin os gandeiros”, precisou Secundino García, así como a convocatoria de axudas con dotación económica suficiente que palíen as perdas sufridas polas gandeiras e gandeiros, “desesperados” nestes momentos polos estragos que o xabaril produce nas leiras forraxeiras.

Por outra banda tamén se falou de que os organismos con competencia na materia inicien o procedemento para declarar o xabaril como praga e incidiuse na tamén necesaria colaboración dos tecores para rebaixar a súa incidencia. Neste sentido, Secundino García cualificou o problema do porco bravo e doutra fauna salvaxe como “o resultado de múltiples factores”, sinalando como os máis importantes o abandono de terras agrarias e o monocultivo forestal que se estende “desde San Sadurniño ata Ribadeo”.

Share.