Complétase con aglomerado a unión entre Silvalonga e Cornide

0

O tramo de pista comprendido entre a estrada de AC-112 e Cornide conta xa cun novo firme, logo de que a empresa Saavedra y López S.L. acometese o aglomerado deste eixo viario que soporta boa parte do tráfico procedente de Silvalonga, a Portela e do límite con Pedroso. As obras afectáronlle a medio quilómetro do camiño que discorre en paralelo á depuradora municipal pasando por riba do río Xubia e o custe total -cifrado no proxecto en 15.700 euros- financiáronse nun 80% cunha achega da Xunta de Galicia.

O Concello xa aglomerara hai dous anos -tamén con fondos europeos tramitados pola Xunta- un quilómetro  da pista que pasa por diante da capela da Portela. Unha vía que  desemboca  no cruzamento coa AC-112 -a estrada de Pedroso- e que continúa uns metros máis adiante pola marxe da EDAR e polo pontigo de Cornide sobre o río Xubia, finalizando  na estrada de Ortigueira, a AC-862.

É unha pista estreita que soporta un tráfico intenso por tratarse dun atallo moi empregado por quen vén de Silvalonga, O Rupiallo e A Portela para ir en dirección a Neda ou para coller a AG-64 en Cornide. Á pista non se lle deu máis ancho, aínda que si se lle mellorou o firme cunha capa de aglomerado máis duradeira.

Os traballos de reparación desenvolvéronse este luns pola mañá, aínda que xa había varias semanas que a empresa fixera os labores preparatorios limpando gavias e fragmentos soltos de asfalto. Durante o momento do aglomerado foron varios os veciños que se achegaron á zona para ver como traballaban máquinas e operarios. A cousa vai así: primeiro régase con asfalto o firme vello, que debe estar libre de areas e coas fochancas tapadas, e despois entran en xogo os camións coa mestura asfáltica e a pavimentadora.

A máquina aglomeradora deixa listo o firme para poder circular por el unha hora despois

A máquina aglomeradora deixa listo o firme para poder circular por el unha hora despois

O aglomerado é grava fina mesturada con chapapote que debe estar a uns 160-170 graos centígrados para poder traballar con el. O camión coa mezcla sitúase diante da pavimentadora e vai baleirando a carga pouco a pouco na tolva frontal desta máquina, desde onde pasa á parte traseira distribuíndose uniformemente mediante dous grandes fusos. A pavimentadora conta cunha plancha e un dispositivo compactador que lle dán á capa de aglomerado o ancho e o grosor descritos no proxecto. Tras dela pásase un cilindro e máis unha máquina con rolos pneumáticos que deixan o firme completamente liso e igualado dándolle, ademais, a máxima adherencia. Unha hora despois xa se pode circular pola pista.

A pista da depuradora quedou lista con este sistema a primeira hora da tarde do luns. O custe total da obra cuantificouse no proxecto en 15.704,57 €  -19.002,5€ co ive incluído- dos que a Xunta como xestora dos fondos europeos FEDER achegará 12.500 euros ou, o que é o mesmo, o 80% do importe total financiable. Pola súa banda o Concello asumirá a contía restante. A obra tiña que estar finalizada antes do 30 deste mes para cumprir coas esixencias de xustificación da subvención.

Share.