¿Como quedou a cousa en San Sadurniño?

0

Pois a cousa quedou como estaba: BNG 7, PP 3 e PSdeG-PSOE 1 concelleiro. O mesmo que hai catro anos, aínda que se entramos no detalle dos resultados hai varios matices que merecen comentario. O primeiro é que foi votar o 73,42% do censo, unha porcentaxe case idéntica á de 2015 e sete puntos porcentuais superior á media de Galicia. O segundo é que, malia a perda de electorado, que pasou de 2.677 a 2.510 posibles votantes, o BNG mantén desde 2011 o 57% dos sufraxios e son as outras dúas opcións  quen parecen funcionar como vasos comunicantes en canto a transferencia de voto, cun PP que perde máis de tres puntos e un PSOE que recupera case catro, quedando a 42 papeletas de facerse co último escano asignado.

A xornada desenvolveuse sen incidencias e cun movemento de votantes que pouco variou os seus hábitos con respecto ao que vén sendo habitual: afluencia ás mesas nas horas centrais da mañá e repunte de novo a partir das 17.30h. Tamén houbo como novidade o retraso no reconto das municipais, habida conta de que nos locais debían escrutarse primeiro as papeletas das eleccións ao Parlamento Europeo. A candidatura con máis apoios foi a de BNG-Agora Repúblicas con 701 votos, seguida da do PP con 464 e da do PSOE, que colleitou 389. O feito de ter que recontar primeiro as papeletas azuis mantivo a emoción dos resultados municipais ata pasadas as 23.00h., momento en que se deron a coñecer os datos de San Sadurniño e momento tamén no que se confirmaron as previsións que xa apuntaban os resultados das outras seis mesas.

Nas eleccións municipais a tendencia vén marcada pola mingua poboacional, que nos deixou un censo con 167 votantes menos. Unha circunstancia que, porén, non ten a mesma repercusión en todas as candidaturas e de aí que para ver como se distribúen os afectos políticos do electorado haxa que atenderlle principalmente ás porcentaxes, aínda que sen perder de vista o número de votos obtidos por cada lista de cara a observar cambios reseñables tanto en subidas como en baixadas.

Así, o BNG obtivo 1.050 votos -57,25% e 73 menos que en 2015- que supoñen a terceira maioría absoluta consecutiva da formación nacionalista e o cuarto mandato para Secundino García como alcalde. Por outra banda, o PP xuntou 501 sufraxios -27,32% e 101 menos que hai catro anos- e o PSOE, seguindo a tendencia do resto de Galicia e do Estado, remonta de 199 a 259, o 14,12%, pero aínda por baixo dos 300 que conseguira en 2011. En termos porcentuais o BNG case calca os resultados, que se manteñen estables no entorno do 57% desde hai oito anos, o PP perde algo máis de tres puntos -do 30,76% de 2015 ao 27,32% de agora- e os que baixan os populares e o chisco que diminúe o Bloque son os que recupera o PSOE, pasando do 10,17% en 2015 ao 14,12% de onte.

Se entramos no detalle dos resultados por mesas, o BNG ganou folgado en todas elas  agás nunha, a de Santa Mariña do Monte, bastión tradicionalmente popular que nesta ocasión tamén se decantou maioritariamente por María Belén Trigo. A candidatura nacionalista encabezada por Secundino García terma da maioría absoluta medrando porcentualmente en Bardaos e, sobre todo, en Naraío e mantendo ben o tipo na mesa máis grande, a de San Sadurniño, onde o PP baixa en número de votos e onde o PSOE con Lois Anxo Rodríguez á cabeza consegue mellorar o seu resultado cuantitativo, pasando dos 49 sufraxios de hai catro anos aos 98 deste domingo. De feito, na mesa do centro urbano os socialistas contabilizaron medio cento de votos dos 60 xustos que lograron aumentar en todo o concello.

A cousa, polo tanto, queda como hai catro anos. Alomenos no tocante ao reparto 7-3-1. O que si cambian son algunhas caras. Polo BNG volve á corporación como número dous do grupo Mari Carme Muíño e entra por primeira vez Tomás García. No PP a única que repite é María Belén Trigo e acceden tamén por primeira vez María Esther Díaz Vergara e José Luís Hermida Prieto. Por parte do PSdeG-PSOE estréase Lois Anxo Rodríguez Calvo, quen substituirá a Yolanda Vázquez Pazos.

O pleno de toma de posesión da nova corporación celebrarase o sábado 15 de xuño.

Mesa BNG PP PSdeG-PSOE
San Sadurniño 288 163 98
Naraío 229 31 48
Ferreira 90 46 31
Lamas 152 89 27
Bardaos 110 44 6
Santa Mariña 72 101 28
Igrexafeita 109 27 21
Total: 1.050 501 259
Share.