¿Como podemos manter en forma o noso corazón?

0

A Xerencia de Xestión Integrada da área sanitaria de Ferrol tráenos unha interesante charla ofrecida polo cardiólogo Emiliano Fernández-Obanza ao redor da saúde do corazón e do sistema circulatorio. Este doutor do CHUF -un dos impulsores de cardiosaudeferrol.com– falará dos hábitos que axudan a manter esta parte do corpo en perfecto estado e tamén a previr enfermidades, principalmente por medio do exercicio e dunha alimentación equilibrada. A sesión terá lugar na Casa da Cultura con entrada libre este xoves a partir das 17.00h.

A web xestionada polo equipo cardiovascular da “residencia” é un auténtico portal sobre como gozar de boa saúde por medio do cambio de hábitos. Naceu como un sitio para pacientes de cardioloxía, pero xa se converteu en vademecum para calquera que queira estar ao día dos avances que se van producindo nesta parte da ciencia médica ou, simplemente, saber como funciona o sistema cardiovascular e como previr calquera problema.

As enfermidades do corazón e do sistema circulatorio causan arredor de 17 millóns de mortes cada ano en todo o mundo. Só en 2013 faleceron en España 117.000 persoas ou, dito doutro xeito, unha de cada tres mortes están relacionadas con este problema de saúde, que é a primeira causa de defunción, por riba do cancro, os accidentes de tráfico ou as enfermidades respiratorias.

Podemos facer moito pola nosa conta para non entrar na friaxe estatística por causa do corazón ou dos atrancos no sistema circulatorio, que derivan tanto en mortes como en incapacidades producidas por accidentes cerebrovasculares -os ictus- e outros efectos prexudiciais. E  case todo vén producido pola aterosclerose, é dicir, que as arterias se vaian tupindo pouco a pouco por mor, principalmente, dunha alimentación inadecuada (as graxas con colesterol do malo), do sedentarismo e doutros factores, como o tabaquismo.

A medida que as arterias se van pechando, o corazón ten que traballar máis e non recibe tanto osíxeno. En casos leves prodúcese unha anxina de peito e, nos graves, o infarto. Ademais, se unha arteria que vai ao cerebro se atasca pode afectarlle de forma irreparable, provocando parálises ou repercutindo sobre a memoria e o sistema cognitivo. Por último, cando o problema se manifesta nas pernas podemos notar debilidade e dificultade para camiñar.

En xeral son os homes quen teñen máis risco de padecer problemas cardiovasculares e as mulleres increméntano despois da menopausia. Ademais tamén hai factores hereditarios e, a maior idade, tamén máis posibilidade de problemas de corazón e do sistema circulatorio. Iso non se pode cambiar, pero si hai outras cousas que podemos modificar, relacionadas coa dieta non saudable, co sobrepeso e a obesidade, coa falla de actividade física, co tabaquismo, co colesterol, coa tensión, coa diabete e co estrés e a ansiedade.

Levar un estilo de vida cardiosaudable, con exercicio regular e unha dieta baixa en sal e graxas, xa nos adiantará moito camiño na prevención. E se a iso lle engadimos o abandono total do tabaco, manter baixo control os niveis de colesterol e azucre e a tensión en marxes razoables, xa teremos as claves para ter o corazón e o “riego” en perfectas condicións.

Estas cuestións serán as que aborde o xoves pola tarde o doutor Fernández-Obanza na charla que comezará ás 17.30h. na Casa da Cultura con entrada libre. Está organizada pola Estrutura Organizativa de Xestión Integrada -EOXI- de Ferrol e é de ámbito comarcal, posto que a ela está chamada a veciñanza de Cerdido, Moeche, As Somozas e San Sadurniño.

 

 

Share.