Comeza a restauración do palco da música de Ferreira

0

O Concello iniciou esta mañá as obras de rehabilitación do antigo palco da música de San Paio, en Ferreira, única construción deste tipo que queda en San Sadurniño e unha das poucas que se conservan en toda a comarca. A edificación, inaugurada hai case 85 anos, vai ser sometida a un lavado de cara que recupere a súa aparencia orixinal e que, ademais, garanta a súa conservación de cara ao futuro. Dos traballos ocuparase nas próximas semanas a empresa Guerreiro Somozas S.L., quen esta mesma mañá ultimaba as estruturas de seguridade e revisaba en detalle os desperfectos producidos polo paso do tempo e o clima. O Concello destina ás obras 13.152,93€, que deberán estar executadas no prazo máximo de dous meses.

O proxecto de restauración contempla o repicado do morteiro, a limpeza e o saneamento do cemento para logo pintalo en cor branca. A plataforma da estrutura tamén se saneará e, ademais, colocarase un rexistro a ras do chan para tapar un oco que existe na actualidade. Na rampa lateral e nas escaleiras farase unha limpeza con auga a presión e os elementos da cuberta -madeira e lousado- repararanse ou substituiranse segundo o estado de conservación no que se encontren.

O palco  ten planta octogonal, estrutura e varanda de formigón e unha cuberta de lousa sostida sobre táboas. Tal e como se recolle na memoria valorada que se lle remitiu a Patrimonio -quen achegou a autorización para os traballos o pasado mes de decembro-, a edificación presenta desperfectos na madeira, no lousado e na base da estrutura, onde se detectaron problemas de carbonatación do cemento que ameazan con debilitala.

O proxecto de rehabilitación comeza a escasos catro meses de que se cumpran 85 anos da inauguración deste equipamento financiado con fondos da emigración na Arxentina e no Uruguai. A celebración púxose para o 17 de xullo de 1936 con motivo das festas parroquiais do San Paio. Tal e como se recolle na web Fálame de San Sadurniño, daquela era alcalde o tamén ferreirés Vicente Castro Naveiras, quen seguramente tivo nese evento solemne -un día antes do golpe de estado- un dos seus últimos actos como rexedor, cargo do que sería relevado de alí a nove días polo tenente da Garda Civil de Ortigueira, Maximino Lobo Navascués.

As crónicas daquel tempo recordan aquel San Paio, e nomeadamente a inauguración, como unha cita que “rexistrou unha extraordinaria concorrencia de público, principalmente das parroquias do municipio e doutros, así como de Ferrol, Neda, Xubia e outros puntos”. A breve nota publicada en “El Pueblo” o 18 de xullo prosegue explicando que a parte musical “estivo encomendada a unha nutrida banda, cuxa actuación foi moi do agrado do público”, sobre todo para a xente nova “que tivo ocasión para entregarse ao baile durante a tarde noite, reinando a maior orde en todo momento”.

Os últimos labores de conservación no inmoble efectuáronse hai 25 anos e desde aquela os fenómenos climáticos foron estragando paseniñamente boa parte dos seus elementos, sobre todo o lousado e as columnas de formigón que terman del. O palco tamén se viu afectado hai xa anos polo ancheado da estrada provincial, que supuxo a eliminación da escaleira de acceso e que, posiblemente, tamén tivo unha incidencia negativa na estrutura pola proximidade do tráfico.

O Concello dedica á restauración  13.152,93 euros procedentes dunha partida de remanentes propios por valor de 133.692,27€ euros incorporada ao orzamento municipal en novembro do ano pasado. Con esta cantidade sufragaranse outras actuacións -algunhas rematadas ou a piques de rematar- relacionadas con servizos básicos e infraestruturas turísticas.

 

 

 

 

Share.