“Come go”, o documental levado ao límite formal

0

O audiovisual como soporte, igual ca o papel, aguántao todo. Na linguaxe cinematográfica hai tal liberdade que os límites para construír a mensaxe só os poñen a imaxinación e as posibilidades técnicas. E iso aplícase a calquera produción, xa sexa unha curta de ficción, unha longametraxe ou, coma na estrea do pasado venres do Chanfaina Lab, un documental. A realizadora pontevedresa Susana Rey racha coas convencións visuais do xénero e presenta en “Come go” unha reflexión sobre o rural como medio de vida. O conceptual e o informativo danse a man nunha peza distinta ao visto até agora no proxecto de creación colectiva, que ten precisamente na experimentación  unha das súas razóns de ser.

A cineasta pontevedresa Susana Rey é unha das voces mais persoais do audiovisual galego. En Fálame de San Sadurniño explica como foi o proceso creativo da curta coa que participou no encontro. Unha peza que se xestou a partir dun artigo publicado na web sobre a visita da Raíña Victoria Eugenia a San Sadurniño en 1927. “Viña cun guión estruturado, que fun reelaborando a partir da información que procurei en Fálame de San Sadurniño. Mais ao pouco de chegar ao Chanfaina Lab funlle engadindo novas ideas e liñas de traballo. A peza fala da xente que queda e da que se vai do rural e así os pobos fican sós. Propúxenme darlle voz aos que retornan cos seus pros e contras. E aínda que non parei de gravar nin un minuto durante os dous días, sorprendeume o longuísima que se me fixo a fin de semana. Facía moito tempo que un par de días non me cundían tanto. Un dos mellores recordos que tiven foi a tarde marabillosa que pasei coas Señoras de Naraío. Para elas compuxen especialmente “Ela ten jakeka”, pandeirada de San Sadurniño que interpretan ao final da curta”.

O resume de “Come go”  en Fálame de San Sadurniño cualifica a peza como  “unha reivindicación do rural como alternativa á vida da masificada vida urbana, na que home o é “invisible”, un número máis, unha simple estatística; pola contra o retorno ao mundo rural, enxerga aos seres humanos na paisaxe e na natureza e os converte en únicos. A pesares dos contras e das dificultades, a vida no rural é máis plena. Susana Rey fai progresar emocionalmente a narración dende unha perspectiva puramente documental ata a sorpresa final nos créditos, nos que asistimos á unha reivindicación gozosa e retranqueira da vida e o mundo rural polas voces das mulleres de Naraío. En definitiva, unha invitación ao optimismo e ao goce da vida no rural”.

A directora é doutora en Belas Artes, artista plástica, directora artística, compositora  e “activista comprometida coas causas que considera xustas, nomeadamente as que nos devolven á harmonía coa natureza”. A súa prolífica traxectoria artística desenvólvese entre Galicia e Valencia onde reside habitualmente. Susana Rey ten deixado a súa pegada en obras de referencia como “Cousas do Kulechov” ou no proxecto “Confrafilmes”. Actualmente está a promover a difusión da longametraxe documental “Dúas flores para un cabaliño”

Share.