Case un cento de inscricións na ruta BTT deste sábado pola noite

0

Hai gana de gozar da bici ao aire libre. Non hai outra explicación para o éxito de inscricións que colleitou a ruta BTT nocturna organizada para este sábado polo Concello e o club Biela e Chaveta. E é que ao remate do prazo dado polo Concello rexistráranse 98 solicitudes, boa parte delas de San Sadurniño pero tamén doutros municipios da comarca e de lugares tan afastados como Cambre, por exemplo. O dato causou certa sorpresa entre a organización, que non agardaba unha participación tan elevada. Non hai problema, nos 22 quilómetros de itinerario hai sitio para todas e todos, posto que non se trata dun evento competitivo. Abonda con estirar máis a serpe ciclista e listo. Porén, no que si se insiste é na necesidade de manter as distancias e de todas as medidas preventivas conta a COVID-19 xusto antes da saída, que se dará ás 22.00h. de diante do CPI. Ademais da hixiene e da separación tamén será obrigatorio usar máscara protectora en todo momento mentres non se emprenda a marcha.

A ruta é unha cita non competitiva e con participación gratuíta que sairá de diante do colexio público coas últimas horas do día. Logo tirará para Doso subindo até a Casanova e desde alí baixará a Pedroso pasando polo Castro e tirando case en paralelo ao rego do Carballo até Vilallonte, onde dará volta de par da AC-112, baixará á Revolta e seguirá camiño pola ribeira norte do Xubia ata alcanzar de novo o centro urbano.

Esta será a ruta máis longa, a de 22 Km., e tamén a máis técnica. Por iso se reserva para persoas adultas e/ou rapazada que xa teña resistencia e, sobre todo, experiencia en trazados complicados. Para o resto -xente grande e menores que só queiran probar- haberá un percorrido máis curto e tamén doado de completar.

Para levar un control máis exhaustivo do desenvolvemento da ruta, a área de Deportes e máilo club BTT Biela e Chaveta acordaron que en primeiro lugar sairá o grupo “pro” e, posteriormente, as persoas participantes na ruta de baixa intensidade. Durante o percorrido non será obrigatorio o uso de máscara hixiénica, pero si antes da saída.

Ademais, seguindo o protocolo xeral da Xunta para a práctica deportiva –Fisicovid DXGalego– incídese en que nos momentos previos (chegada, preparación das bicis, etc.) se extremen as medidas preventivas: hixiene respiratoria, distanciamento, evitar o saúdo con contacto físico, non tocar ollos, nariz e boca e, importante, non tomar parte no evento se se nota algún síntoma coincidente co da COVID-19. Estas medidas tamén se deberán poñer en práctica en calquera parada técnica e tamén no punto de avituallamento, situado en Pedroso.

Outras obrigas -relacionadas coa seguridade ciclista- son o uso de casco, luz frontal e sinalización traseira. Recoméndase, ademais, empregar outro equipamento, como luvas, roupa que amorteza posibles caídas, etc.- aínda que o itinerario non revista perigos reseñables.

Recordamos que a ruta BTT nocturna deste sábado ten as inscricións pechadas e que só se admitirá a participación das 98 persoas apuntadas.

 

Share.