Carme Adán presenta este venres o ensaio “Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión”

0

A Editorial Galaxia ten en marcha a colección “Feminismos” arredor da igualdade e da visibilización da muller, sexa por medio da novela ou do ensaio. Unha das últimas obras da serie é “Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión”, escrita pola doutora en filosofía e política Carme Adán. A autora ofrecerá  unha charla  o venres a partir das 20.00h. na Casa da Xuventude para contextualizar a obra, onde aborda a violencia contra das mulleres, as novas formas que adopta o patriarcado e a importancia que ten a palabra para que a sociedade tome conciencia dos cambios que aínda ten que facer. A presentación do libro pecha o calendario de eventos programados con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. 

Nunha entrevista publicada polo Faro de Vigo, Carme adán explica que no libro se analiza o xeito en que se chega ao termo “feminicidio” para definir o asasinato de mulleres e o feito de que, malia as leis, programas e actuacións para atallalo, as cifras seguen sendo “terribles”. Ela considera que a violencia de xénero “non é unha lacra social, senón un verdadeiro problema estrutural asentado sobre o patriarcado, que ten moita capacidade de adaptarse aos cambios sociais”.

A este respecto Adán engade que “hoxe en día a ninguén se lle ocorre dicirlle ás mulleres que queden na casa, pero segue parecendo normal que cobren menos anque teñan mellores expedientes ou que sexan elas quen renuncien ao traballo”. Unha situación que reflexa o estado actual das cousas e que se debe en grande medida a un modelo social onde ata hai pouco as violencias de todo tipo eran invisibles e onde se segue educando de distinta maneira ás nenas e os nenos. “O problema da discriminación e da violencia é que ata que non se ve, non é posible reaccionar. Hoxe dicimos que educamos igual ós nenos e ás nenas, pero ¿de verdade os educamos igual?. Non. Cando un rapaz sae á rúa non lle dis “ten coidado”. A unha rapaza, si. Hai un espellismo de igualdade porque hai moitos ámbitos onde segue sendo só formal”.

Sobre a mocidade, Carme Adán alerta no seu libro de que moita xente nova segue asimilando con normalidade  amor a control dentro das súas relacións sentimentais. “Peticións como ‘dame os contrasinais do móbil’ parécenlles expresións de amor e o que estamos vendo é que rapaces e rapazas non están en condicións de igualdade ante unha relación. Elas seguen sendo educadas na submisión e esa fascinación porque el te controle segue estando presente”, algo que alimentan películas e supervendas literarios como 30 Metros sobre o ceo, 50 Sombras de Grey ou a serie Crepúsculo, cos que se contribúe a perpetuar o modelo patriarcal, anque sexa con outra aparencia.

Con todo, a autora de “Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión.” apunta que, polo menos,  a sociedade avanzou en que “hoxe estamos falando disto”, posto que hai tan só 30 anos “a violencia de xénero era invisible, case non había nin palabras para falar dela”.

A ensaísta sinala que queda moito camiño por andar para lograr desarmar ese patriarcado “que vai cambiando” para adaptarse aos novos tempos. Non hai fórmulas infalibles, pero si están identificados os ámbitos nos que cómpre traballar: “nas aulas, nas casas, nos medios de comunicación […] para transmitir unha idea diferente das relacións entre homes e mulleres e a presenza das mulleres da sociedade, e sobre todo, que as mulleres conquistemos a nosa liberdade. Ese é o paso fundamental porque a desigualdade, para min, é unha consecuencia da nosa falla de liberdade”.

O libro “Feminicidio. Unha nova orde patriarcal” preséntase en San Sadurniño o venres a partir das 20.00h. na Casa da Xuventude. Coma en todas as ocasións anteriores, o evento será unha boa oportunidade para escoitar e debater sobre unha cuestión de actualidade máis que sobre a propia obra.

Share.