“Cantando a Manuel María”, mirada coral sobre o Poeta da Terra Chá

0

A escaseza de recursos non é obstáculo para contar o que se quere contar, sempre e cando se saiba como contar na consciencia diso precisamente, de que se teñen poucas posibilidades técnicas ou de que, aínda téndoas, non é necesario botar man delas. Mesmo se pode asegurar que, ás veces, traballar no audiovisual co mínimo axuda a ir directamente ao que importa, prescindindo de artificios que arreden a atención do esencial. Ese é o concepto formal de “Cantando a Manuel María”, o documental dirixido por Gonzalo Veloso que nesta chuviosa tarde do sábado das Letras en San Sadurniño se proxectou na Casa da Cultura. Veloso consegue recompoñer a figura humana e literaria do autor chairego botando man de persoas que o coñeceron, xente do seu círculo íntimo que afonda sen academicismos no home e no cosmos que é a súa obra. O documental, de 70 minutos, engancha de principio a fin con algo tan -aparentemente- simple como é poñer a cámara, darlle ao rec e deixar  que as persoas conversen diante dela.

Facer iso e desenvolver co material resultante un documental fundamentado case unicamente en testemuños é algo que podería ser cualificado de ousadía neste mundo dixital onde a maior parte do que nos entra polos ollos nos deixa pouco ou nada de pouso na cabeza. Pero Veloso e o seu equipo parece que deron coa chave das noces, co equilibrio ideal entre forma e contido.

Por diante das cámaras van pasando persoas que debullan o Manuel María poeta, o Manuel María xornalista, o Manuel María libreiro, o Manuel María… todos os Manuel Marías que había dentro dun home comprometido coa súa terra, coa cultura e coa fala como principal suxeito identitario de Galicia. Nomes como o de Darío Xohán Cabana, Armando Requeixo, Lois Diéguez, Camilo Gómez Torres, Felipe Senén, Manuel López Foxo -presente na proxección xunto co director de fotografía do filme, Santiago Teijelo-, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Alfonso Blanco Torrado, Miguel Anxo Fernán Vello, Paco Martín, Luz Pozo Garza ou Mario Regueira que conversan de dous en dous contando o que non contan os libros nin tampouco outras pezas audiovisuais construídas ad hoc co gallo das Letras 2016 e igualmente meritorias.

Sendo así, o documental debería chamarse “Contando a Manuel María”. Non é obxectivo deste resume para a web facer spoilers da obra de Veloso, pero o certo é que “Cantando a Manuel María” é a denominación máis acaída. E é que dentro desa relación de nomes faltan dous por citar: o de José Luís Rivas “Mini” e o de Baldomero Iglesias “Mero”. Eles formaron parte dese círculo máis próximo a Manuel María e ata os últimos días do autor foron músicos de cabeceira -se se permite a expresión- para os seus poemas. Guitarra en man Mini e Mero fan as veces de fío condutor de todo o documental, saltando en calquera momento dos recordatorios melódicos aos recordos vitais ou das lembranzas vividas ás melodías que hoxe son un himno para milleiros de persoas.

Eran un triunvirato único e Gonzalo Veloso déixao ben patente. Tal era esa comuñón que hoxe boa parte da obra de Manuel María non se concibe sen a música de Mini e Mero e que boa parte do que son Mini e Mero non se entende sen mirar aquela fructífera colaboración de anos detrás da que había unha grande amizade. Incluso Manuel María recoñecía que se tivese que volver escribir o poema “O Carro” -Terra Chá (1954)- seríalle imposible facelo sen ter en mente a música que lle compuxo Baldomero Iglesias.

E non imos contar máis. Se tedes oportunidade de ver “Cantando a Manuel María”, facédeo. Descubiredes o autor e descubriredes a persoa nas voces de quen estiveron arredor del ao longo da súa vida. Pasaranvos 70 minutos nun chisco e despois repararedes en que no documental non hai ningunha imaxe del, que a cámara non se move, que só aparece xente falando con breves intervalos de  imaxes longas e estáticas de paisaxes… Veredes que tampouco se mostran portadas dos seus libros nin ningún outro recurso visual deses que adoitan poboar as películas biográficas. Nin sequera aparece o testemuño da súa viúva, Saleta Goi, malia ser a persoa á que el máis amaba e da que el recoñecía depender plenamente.

Con todo, tamén vos decataredes de que ao documental non lle falta de nada para podermos comprender a verdadeira dimensión de Manuel María.

Share.