Cans e pastores eléctricos como prevención ante o lobo e o xabaril

0

Hai escasos días que a Xunta publicou a convocatoria de axudas coa que pretende paliar os efectos dos ataques dos lobos e tamén do xabaril. Hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia publica unha nova liña de axudas, aínda que neste caso centrada na prevención, subvencionando para iso a merca de cans e peches que defendan o gando dos lobos, pero tamén a instalación de pastores eléctricos que tornen o porco bravo das plantacións. Para a liña referida ao lobo hai 200.000 euros e para a do xabaril a metade. As axudas distribuiranse de acordo cun sistema de puntuación que, entre outros factores, valorará a situación da explotación nun municipio “de risco”, como é o caso de San Sadurniño tanto para lobo como para o porco. O prazo de solicitude estará aberto entre o 9 de xaneiro e o 8 de febreiro.

Á liña para previr os danos ocasionados polo lobo poderanse acoller  as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Reaga) de Galicia. Á súa vez existen dúas subliñas: unha para mercar cans que defendan os rabaños -500 euros/can ata un máximo de dous exemplares-, pastores eléctricos e peches de malla electrificada -600 euros como máximo por explotación-; e unha segunda subliña para a merca e instalación de valados fixos, que ten establecido o límite en 1.500 euros se se trata de peches electrificados e de ata 3.700 se son cerramentos con malla gandeira ou cinexética metálica.

Por outro lado, á liña dirixida á prevención de danos do porco bravo poderán acollerse as persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), así como as explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo. A axuda é para pastores eléctricos, cunha subvención máxima de 150 euros para equipamentos alimentados con batería ou conectados á rede e de 300 se funcionan cun panel fotovoltaico.

Iso si, o número de pastores subvencionables está condicionado pola superficie declarada na solicitude única da PAC en 2018: 1 pastor para unha superficie menor ou igual a 10 hectáreas, 2 como máximo entre 11 e 20 ha. e  3 equipos como máximo para explotacións con máis de 20 hectáreas. As explotacións declaradas para autoconsumo só poderán optar a subvención para un único pastor eléctrico.

Toda a información sobre este procedemento -que abrirá este mércores 9 o prazo- pode consultarse no Diario Oficial de Galicia ou na Sede Electrónica da Xunta, lugar preferente para a presentación das solicitudes, que se resolverán nun período máximo de 3 meses. Se non hai resposta por parte da Xunta entenderase que a resolución é negativa. Cómpre ter en conta que só serán subvencionables aqueles equipamentos -e cans- recollidos na orde que se merquen despois da entrada en vigor da mesma.

Máis información
Convocatoria publicada no DOG
Ligazón ao procedemento na Sede Electrónica da Xunta

 

 

Share.