Ata o 18 de setembro: Axudas para mercar cans e pastores que tornen o lobo e o porco bravo

0

Publicada no DOG do xoves 17 de agosto a orde coa convocatoria de axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre. É importante ter en conta que non se trata dunha liña de subvencións para compensar estragos, senón de axudas para mercar cans e pastores eléctricos que protexan as leiras dos ataques. Esta orde ten por obxecto aprobar tanto as propias subvencións como as bases polas que se rexerá a súa concesión por parte da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do territorio.

Obxecto:  Axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o cal se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, e proceder á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento MT809D).

Persoas beneficiarias: No caso do lobo só se poderán acoller as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras que figuren no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia con gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza Celta, equino, asnal e mular. No caso do porco bravo poderán acollerse persoas físicas e xurídicas que exerzan a actividade agraria e que estean inscritas no Rexistro de Explotación Agrarias de Galicia, ademais daquelas explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo.

Actuacións subvencionables:  Para a prevención de danos ocasionados polo lobo subvencionarase a adquisición de cans menores de 4 meses -mastín español, do Pirineo, carea leonés e can de palleiro- para a protección e defensa do gando (ata un máximo de 1 can por cada 60 reses de gando menor ou 15 de gando maior). Tamén se subvencionarán  pastores eléctricos e cerrumes de malla electrificada. Para a prevención de danos ocasionados polo xabaril as axudas diríxense á adquisición de pastores eléctricos. En ambos casos a merca de cans e equipamento debe facerse con posterioridade á publicación da orde.

Custes non subvencionables: O IVE, os custes de transporte de materiais e a man de obra da instalación. En ningún caso o importe total da subvención poderá ser maior do que custe a actuación subvencionable.

Importe das subvencións: ata 500 euros por can, un máximo de 600 euros pola adquisición de pastores e ata 800 para a merca de mallas móbiles electrificadas, que en todos os casos poderán ser do total do investimento realizado.

Prazo de presentación de solicitudes: 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG

Lugar de solicitude: a solicitude e a documentación complementaria pode presentarse na Oficina Agraria Comarcal de Ferrol -na Praza de España- ou ben a través do portelo único do Concello. Outra opción é tramitala por vía telemática, que será obrigatoria para as persoas xurídicas.

Máis información:  
No Diario Oficial de Galicia

Share.