Avanzan as obras de rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita

0

Co arranque deste 2023 iniciáronse os traballos de restauración da antiga escola de Igrexafeita de cara a convertela nun espazo sociocomunitario que, ademais, sexa referente de ámbito comarcal na abordaxe e apoio ás familias con casos de demencias cognitivas. Os avances nas obras, a escasas tres semanas desde que comezasen, son ben visibles trala colocación das estadas, o baleirado do inmoble e a demolición de varios tabiques co obxectivo de deixar as dependencias o máis diáfanas posible antes de acometer o acondicionamento integral e unha nova división axeitada aos novos usos que terá o edificio. O investimento previsto ascende a algo máis de 285.000 euros, que se financiarán con cargo a un convenio nominativo asinado coa Deputación da Coruña. 

Das obras estase encargando a construtora Covisam Norte S.L. como adxudicataria a finais do ano pasado do concurso público convocado polo Concello para levar adiante un proxecto deseñado pola arquitecta municipal, Montserrat Ruíz.  A rehabilitación consistirá, a grandes trazos, na renovación exterior e interior do inmoble con novo illamento e ventanais, ademais de mellorar a accesibilidade coa instalación dun ascensor que irá exento do corpo principal para aproveitar ao máximo o espazo dispoñible.

Toda a intervención orientouse cara a unha finalidade sociocomunitaria, no sentido de que o edificio poida recuperar a súa función como espazo de xuntanza veciñal para o desenvolvemento de distintas actividades e, sobre todo, como lugar adaptado a ese novo cometido que terá como centro de apoio a persoas con deterioramentos cognitivos incipientes e ás súas familias.

Así, o acceso ao baixo farase mediante unha rampa lateral e desde o recibidor, a man esquerda, poderase entrar nunha sala polivalente duns 35 m² dotada cun aseo adaptado, mentres que o lado inferior do inmoble se reserva para unha pequena sala de espera, un despacho de atención ás familias de 15,7 m² e unha  zona de rehabilitación cercana aos 21 metros de superficie.

As escaleiras que levan ao primeiro andar manteranse coa súa configuración actual e para o reparto da superficie dispoñible prevese calcar a distribución da parte baixa, é dicir, sala polivalente con aseo adaptado a un lado e despacho e máis sala de rehabilitación ao outro, compartindo ambas estancias sala de espera. Ademais tamén se contempla un vestíbulo que lle dea servizo á saída/entrada do ascensor.

O deseño non incrementará volumes -agás o do ascensor e a rampa- e buscou, en último caso, manter a forma do edificio aproveitando ao máximo as posibilidades que ofrecen as instalacións, que incorporarán unha nova envolvente térmica, tella sobre a cuberta de fibrocemento e ventanais con rotura de ponte térmica, máis eficientes desde o punto de vista enerxético. Sobre esta cuestión, a do aforro en enerxía, os planos recollen a implantación dun sistema de aerotermia para a auga quente sanitaria e a calefacción por medio de chan radiante.

As obras comezaron na primeira semana deste mes de xaneiro, aínda que a empresa adxudicataria xa fixera acopio de materiais e equipamento nos días previos ao Nadal. O investimento total ascende a 285.535,80 euros. A Deputación da Coruña achegará 240.000, por medio dun convenio nominativo asinado a comezos de agosto polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e Secundino García. Os algo máis de 45.500 euros de diferenza serán asumidos polo Concello con fondos propios. O prazo de execución é de tres meses e, se non hai contratempos, o edificio debería estar finalizado en abril ou comezos de maio.

 

Share.