Ata o 30 de abril: Preinscrición no curso de Almacén e CAP do proxecto EIXO

0

O proxecto EIXO é unha iniciativa de mellora da capacitación para o emprego promovida pola Deputación da Coruña dentro do Plan de Emprego Local. Ao longo do ano oferta unha serie de cursos que dán acceso aos certificados de profesionalidade en diversas materias. Están pensados para persoas en situación de desemprego de toda a provincia que sexan menores de 30 anos e que estean empadroadas nalgún concello de menos de 50.000 habitantes. O único requisito é ser maior de 16 anos e ter feita a inscrición na Garantía Xuvenil. A seguinte acción formativa do EIXO ocuparase da actividade Loxística e está pensada principalmente para o traballo en empresas de transporte e distribución.

O curso está estruturado en tres partes: Actividades auxiliares de almacén -170 h. teóricas e 40 prácticas non laborais en empresa- e Accións transversais e complementarias, nas que se inclúen 320 h. para a obtención do Carné C e o certificado profesional de transporte de mercadorías por estrada (o coñecido como CAP).

Outros contidos transversais son o módulo de igualdade, o de Inglés aplicado ao transporte e o de novas tecnoloxías, que suman en total outras 205 horas. A terceira parte da formación contará con 7 horas de titorías individuais e outras 100 horas de orientación e desenvolvemento de competencias para o emprego.

Para toda a provincia só hai dispoñibles 15 prazas e, quen acceda, contará cunha axuda de 2,6€ brutos por hora lectiva. Para poder acceder ao curso hai que presentar a solicitude no Concello, aínda que despois será a Deputación quen faga a selección final en base a unha entrevista persoal e á orde de entrada das solicitudes. O prazo finaliza o 30 de abril e recoméndase concertar cita co Técnico de Desenvolvemento territorial no 981 490 027 de cara a cubrir os papeis e reunir toda a documentación.

Folla explicativa e ficha de solicitude

Share.