Ata o 26 de maio: presentación de ofertas para xestionar a cantina da piscina municipal

0

O Concello aprobou por resolución da alcaldía o inicio do procedemento de contratación do servizo de cantina da piscina municipal, situada na área recreativa de Currás.

As bases -que poden descargarse completas ao pé deste aviso- marcan un canon mínimo de 150€, que poderán ser mellorados nas ofertas das licitadoras. Por outra banda, a adxudicataria deberá comprometerse a manter abertas as instalacións desde o 16 de xuño ata o 17 de setembro, ambos os dous días incluídos.

Os horarios mínimos de apertura son de 15 a 21.00h. durante os sete días da semana e, nos meses de xullo e agosto, tamén desde as 11 até as 14.00h. os luns, mércores e venres, coincidindo cos cursos que se desenvolven na piscina.

As proposicións presentaranse no Rexistro do Concello no prazo de 15 días naturais dende o día seguinte ao da publicación deste prego na páxina web, é dicir, como moi tarde o venres 26 de maio.

As proposicións presentaranse nun único sobre, convenientemente pechado e precintado e conterán a seguinte documentación:

  1. Documento acreditativo da personalidade xurídica da entidade licitadora do seguinte xeito: Fotocopia do NIF se se trata de persoa empresaria individual, ou escritura de constitución ou estatutos ou acto fundacional no que conste as normas polas que se regula a súa actividade no caso de persoa xurídica

  2. Declaración xurada de que cumpre coas condicións para poder contratar e de estar ao corrente das obrigas da Seguridade Social e obrigas tributarias (ANEXO III)

  3. Relación de datos relacionados á experiencia laboral relacionada coa hostalaría nos últimos 5 anos

  4. Documento de referencias técnicas segundo o modelo anexado: Valoraranse as melloras de ampliación horaria na apertura, un plan de limpeza e explotación, o listado de prezos e produtos ofertados á clientela e o número de persoas que asumirán os servizos, incluíndo o seu currículo

  5. Oferta económica, segundo o modelo do Anexo II

Os documentos serán orixinais, admitíndose fotocopias compulsadas deses orixinais.

Documentación descargable:
Bases completas e anexos de solicitude (.doc)

 

Share.