As escolas culturais comezarán a mediados de outubro

0

O Concello de San Sadurniño acaba de abrir os prazos de preinscrición para as distintas escolas culturais e para as sesións de ximnasia de mantemento para persoas maiores que, en ambos casos, arrancarán previsiblemente o 19 de outubro sempre que se formen grupos cun número mínimo de participantes. Ademais tamén se informa de que o ximnasio municipal continuará pechado para o uso público e que, como alternativa, se seguirán ofrecendo temporalmente rutinas ao aire libre combinadas con traballo a cuberto repartido entre os locais sociais de Lamas e de Ferreira. Para preinscribirse nas actividades culturais e na ximnasia de mantemento haberá que contactar co departamento de Cultura no 616 332 919 -de luns a venres de 8.30 a 14.30h.- ou enviarlle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. Para a práctica deportiva haberá que chamar directamente ao técnico de Deportes, David Guiñazú, ao 672 942 426.

Trala pausa estival, o Concello volve poñer en marcha a súa oferta de escolas culturais e deportivas con catro propostas para todas as idades: ximnasia de mantemento para maiores, gaita, pandeireta e cantos de taberna. O reinicio dos cursos vén marcado polas medidas preventivas e tamén pola novidade de que o seu desenvolvemento se fará en dúas quendas, unha do 19 de outubro ao 18 de decembro e outra do 18 de xaneiro ao 18 de xullo, de maneira que as escolas rematarán un mes máis tarde do que viñan facéndoo outros anos.

Para cada unha das escolas fará falla formar un grupo mínimo de 8 persoas. A partir de aí terase en conta tamén o aforo dos espazos dispoñibles e, de ser necesario polo número de preinscricións recibidas, miraranse emprazamentos con espazo suficiente ou ben a posibilidade de dividir a actividade en grupos máis reducidos con distintos horarios.

Ademais, no caso de que haxa clases consecutivas no mesmo local tamén se gardarán os intervalos necesarios para ventilar e facer as desinfeccións pertinentes. En ningunha das actividades se poderá compartir material, deberase gardar sempre a separación de 1,5 metros e será obrigatorio o uso de mascarillas xunto coa hixiene de mans á entrada e á saída (nos locais haberá dispensadores de xel hidroalcólico). Neste sentido, a Concellaría de Cultura tamén lles pediu aos monitores que as clases se desenvolvan ao aire libre ou en espazos abertos sempre que o tempo o permita.

Cultura parte coa idea de manter os horarios, os días e as localizacións das actividades. Así, a Escola Municipal de Gaita ensaiaría os martes no local social de Naraío, a partir das 19.00h. para iniciación e das 20.00h. en diante para perfeccionamento. Isto é unha orientación, xa que todo dependerá de que se xunte grupo para cada sesión e, ademais, unha vez estean conformados sempre poden axustar os horarios ás súas necesidades en coordinación co profesor.

Os grupos da Escola Municipal de Pandeireta continuará os mércores a partir das 17.00h. no local social de Naraío, sempre e cando se poidan reunir os grupos para iniciación e perfeccionamento.

No caso da escola de Cantos de Taberna, a cita é os xoves a partir das 20.00h. na Casa da Cultura.

A Escola Municipal de Ximnasia de mantemento para persoas maiores será itinerante polas parroquias e en cada unha delas haberá dúas sesións semanais de unha hora de duración. Empezarán ás 16.00h., aínda que tamén dependerá do número de preinscricións en cada sitio, onde será obrigatorio xuntar un mínimo de 5 persoas para que a actividade vaia adiante.

As preinscricións poden facerse desde este 22 de setembro até o 13 de outubro chamando ao 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. Unha vez que se reciban todas as solicitudes faranse os cadrantes de datas, localizacións e horarios definitivos e abrirá o prazo para formalizar a inscrición -do 14 ao 19 de outubro-, pasando pola Casa da Cultura para cubrir a ficha de solicitude ou remitíndoa a través da Sede Electrónica. Tamén se deberá efectuar o pagamento da matrícula e do primeiro trimestre, algo que pode facerse con tarxeta de débito ou crédito ou mediante ingreso bancario. Tamén existe a posibilidade de domiciliar os pagamentos ou facelos por transferencia.

Os prezos en vigor das escolas son 16€ de matrícula e 31,83€ de cota trimestral para maiores de 18 anos e menores de 65. A rapazada, pensionistas, maiores de 65 anos, estudantes, familias numerosas e titulares do Carné Xove pagarán 15,32 euros de matrícula e 21,23€ cada trimestre.

Actividade física
Ademais das escolas culturais e da ximnasia para persoas maiores, o Concello tamén continuará ofrecendo a opción de facer actividade física titorizada polo técnico municipal de Deportes. Nestes momentos xa se está facendo ao aire libre nos xardíns municipais, posto que o ximnasio segue pechado e seguirao estando polo momento.

Porén, os días van indo a menos e tamén é posible que o tempo se revolva máis a partir de agora. Por esa razón o Concello levará a actividade ao local social de Ferreira e ao de Lamas en sesións de unha hora e media de duración, deixando media hora no medio para ventilación e desinfección: de 17.30 a 18.30h. (só 1 hora), de 19 a 20.30h. e de 21 a 22.30h. En Ferreira será os luns, mércores e venres no local da Seara. En Lamas será os martes e xoves no novo local social do Chao.

As persoas usuarias poden escoller as sesións que mellor lles cadren por horario e situación, podendo asistir, se o desexan, de luns a venres. Iso si, será necesario comunicarllo como moi tarde a véspera ao técnico deportivo -David Guiñazú, 672 942 426– para programar o seu desenvolvemento sen exceder os límites de aforo de cada espazo.

Por outra banda, tanto o CV Aldebarán como o CF San Sadurniño -que levan as escolas municipais de volei e fútbol- tamén teñen en marcha a campaña de captación de rapazada para a súa base. Para formalizar as inscricións será necesario contactar directamente cos equipos.

Share.