A Colectiva ofrece o venres e o sábado o seu primeiro obradoiro creativo do proxecto Arte Ambulante

0

O proxecto Arte Ambulante é unha iniciativa promovida pola asociación profesional de artistas de Galicia A Colectiva coa que se pretende achegar a arte contemporánea a aqueles concellos que habitualmente quedan á marxe dos circuítos expositivos e creativos do país. Ese oco cóbrese no caso de San Sadurniño cunha exposición multidisciplinar que se pode visitar na Casa do Concello, pero tamén con dous obradoiros gratuítos cos que implicar a veciñanza na produción artística de vangarda. O primeiro deles, titulado “San Sadurniño On fire!”, abordará as técnicas do collage  este venres á tarde e o sábado pola mañá na Casa da Xuventude. As prazas hai que solicitalas na Casa da Cultura, chamando ao  616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

O obradoiro estará dirixido por Héctor Francesch. Coruñés do 77, este artista autodidacta manexa por igual a pintura, a serigrafía, o deseño e as instalacións artísticas, aínda que -como el mesmo asegura na súa web– “todas as pezas están concibidas baixo un prisma de pintor”. Francesch explica no site que “todo parte dunha idea ou concepto e despois, dependendo das necesidades de cada idea, o proxecto ou peza terá unha forma ou outra”. Ten querencia pola “sublimación dos obxectos”, é dicir, por crear obras con obxectos cotiáns e de aí que o resultado “sempre ten unha relación co entorno”.

En San Sadurniño tirará pola creación en base ao collage. O artista proporá traballar sobre fotografías e estampas de edificios e lugares coñecidos do territorio -recoméndase traer imaxes impresas con este contido, non importa a calidade, ou incluso revistas vellas- e, a partir delas, montaranse recurtando e pegando novas escenas singulares, atrevidas e imposibles.

“San Sadurniño on fire! desenvolverase este venres 29 de 16.30 a 19.30h. e o sábado 30 de 10.30 a 13.30h. na Casa da Xuventude. Só hai 12 prazas dispoñibles para participar nesta miniresidencia creativa encadrada en Arte Ambulante. A idea global deste proxecto é incluír os concellos pequenos e rurais no circuíto da arte contemporánea, pero tamén “xerar un tecido estable e duradeiro: relacións profesionais con e entre artistas locais, colaboracións con asociacións culturais e interacción coa veciñanza. Non é necesario ter coñecementos previos para asistir aos talleres, trátase de compartir os procesos creativos cos artistas, aprender novas técnicas e facer creacións colectivas onde a experiencia e aportacións de cada persoa serán válidas e necesarias”. O sábado, ao remate do taller, farase unha visita guiada á exposición instalada na Casa do Concello ata o 15 de decembro.

O segundo obradoiro que nos traerá o proxecto, titulado “O tecido da memoria”, terá lugar na Casa da Xuventude o sábado 21 e o domingo 22 de decembro de 16 a 19.00h.  Da dirección encargarase a artista e deseñadora de moda Melania Freire.

Para reservar sitio en calquera das dúas propostas hai que pasar pola Casa da Cultura ou contactar co técnico municipal no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

Share.