Arranque intenso do mandato

0

Nesta tarde de venres celebrouse na Casa do Concello o pleno extraordinario en que se debía estruturar o funcionamento municipal para o mandato que acaba de comezar. A periodicidade das sesións -que pasan ao último xoves de mes impar-, a constitución da Xunta de Goberno Local e a súa composición, as comisións informativas… aspectos que quedaron aprobados cunha alta proporción de unanimidades, pero non por iso sen controversia, principalmente entre o grupo do goberno e o do Partido Popular. De feito esa é a razón de titular así este resume, “arranque intenso do mandato”, xa que en certa maneira este primeiro pleno de carácter executivo da nova corporación  municipal seguramente sexa un adianto de cal pode ser o tono habitual dos que virán a partir de agora.

O primeiro punto, o da aprobación da acta da sesión anterior -a de constitución do sábado pasado- foi un dos que máis tempo ocupou. De feito, un tema que en principio debía ser de trámite, comeu exactamente a cuarta parte dos 42 minutos que durou a sesión. O motivo, o rexeitamento do PP a que se aprobase a acta por entender que non reflectía fielmente o contido do pleno ao que facía referencia. María Belén Trigo e María Esther Díaz sinalaron varios erros no resume elaborado polo Secretario Municipal, quen se comprometeu a corrixilos. Finalmente a acta aprobouse por unanimidade condicionada a que se emenden algúns apartados da redacción.

Deste punto pasouse ao da periodicidade das sesións, que quedaron fixadas tamén por unanimidade os últimos xoves dos meses impares ás 19.30h. Ese é o cambio máis salientable con respecto ao máximo órgano de representatividade municipal, posto que as comisións informativas  seguen como até agora: unha informativa e de asuntos do pleno e outra de facenda e especial de contas, presididas en ambos casos por Manolo Beceiro, quen tamén asumirá a presidencia da Mesa de Contratación. No tocante ás mesas -que foron votadas a favor polo BNG e o PSOE, mentres que o PP se abstivo-, o edil socialista Lois Anxo Rodríguez  solicitou que estes órganos contasen, ao igual que o pleno, con datas e horarios fixos de cara a poder compatibilizar a asistencia cos horarios laborais. Habitualmente estaban celebrándose a iso das 13.00h. do mércores anterior a cada pleno.

Por outra banda, na sesión deste venres tamén se nomearon por unanimidade representantes en órganos colexiados: Amparo Calvo integrarase no Consello Escolar do CPI e Ana Belén Breixo será a voz de San Sadurniño no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, mentres que a representatividade municipal no resto de foros recaerá en Secundino García.

No pleno acordouse, ademais, constituír a Xunta de Goberno Local, un órgano executivo que non sería obrigado para o caso de San Sadurniño, pero que desde a alcaldía se considera “útil e necesario” e de aí que se propuxese crealo tamén para este mandato.  Reunirase tres veces no mes, integrada polo rexedor como presidente e polas persoas que ocuparán as tres tenencias da alcaldía: Amparo Calvo,  Manolo Varela e Ana Belén Breixo.

Antes de tratar este asunto, o pleno foi informado das resolucións da alcaldía en canto aos nomeamentos  tanto das tenencias como da distribución de áreas: a propia de Alcaldía con Secundino García á fronte; Desenvolvemento local, Participación veciñal e Réxime interno, dirixida por Manolo Varela; Cultura, Educación e Coordinación de programacións, xestionada por Amparo Calvo; Infraestruturas e Urbanismo, da que se encargará Manolo Beceiro; Servizos e Medio Ambiente, á fronte da que estará Tomás García; e Igualdade e Normalización lingüística, asumida por Ana Belén Breixo. Como concelleira sen carteira queda Mari Carme Muíño, voceira do BNG igual que María Belén Trigo o será do PP e Lois Anxo Rodríguez do PSdeG-PSOE.

A distribución de áreas e delegacións non era un punto para votación, senón só para darlle conta ao pleno sobre como queda configurado o goberno do Concello. Si houbo que votar as dedicacións exclusivas e as indemnizacións por asistencia ás sesións, momento no que se desencadeou o outro grande debate da tarde, a raíz da pregunta do PP sobre os motivos de que no anterior mandato “dúas mulleres” -recalcou Esther Díaz Vergara- pecibisen 600 euros cada unha de dedicación mentres que neste vaia ser “un home” -o novo responsable de Servizos, Tomás García- quen vai perciba 1.200€ de dedicación exclusiva.

O alcalde acusou ao PP de “facer demagoxia”, ao tempo que explicou que o cambio nas compensacións se debe a que neste mandato San Sadurniño só dispón de dúas dedicacións e que o seu reparto “non é polo feito de que sexa un home ou unha muller, senón pola dispoñibilidade que poida ter… e a persoa que se elixiu para esa dedicación vai ter unha dispoñiblidade plena”.  Mari Carme Muíño pediu a palabra para criticar tamén a intervención de Díaz Vergara.  “Damos por feito que este tipo de cuestións e decisións responden a temas organizativos  e do que cada un estea en disposición de poder facer. Gustaríame que se evitase neste pleno utilizar de xeito oportunista algo tan serio como a igualdade de xénero. Realmente considero que (a intervención de DíaZ Vergara) acaba de ser un erro grave e pediría que non se volvese repetir”, dixo Muíño.  Con todo, e malia o enfrontamento dialéctico, o PP votou a favor da proposta, mentres que o PSOE se abstivo.

No último punto da orde do día falouse do sistema de envío e recepción de convocatorias e notificacións entre o Concello e os grupos municipais. En principio propúñase que estas fosen por correo electrónico, aínda que finalmente quedou para estudo a posibilidade de que a descarga desta documentación se poida facer a través da Sede Electrónica.

O remate do pleno, os 11 concelleiros e concelleiras retratáronse no patio interior do Pazo vestindo a camisola da campaña #seresentir impulsada pola Deputación da Coruña en favor  da tolerancia e da igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

IMG_7238-2

Share.