Aprobado inicialmente o orzamento para 2019 e tamén o reparto do POS+

0

Menos de 50 minutos foron suficientes para abordar e debater os dous puntos que incorporaba a sesión do pleno extraordinario celebrada na tarde deste mércores. Dunha banda sometíase a consideración da corporación o documento orzamentario que rexerá o funcionamento municipal ao longo do ano que vén e, da outra, a relación de proxectos que se acollerán ao POS+ da Deputación da Coruña. Asuntos que son os de maior trascendencia para a marcha do Concello nos próximos doce meses e que, ademais, lle ofrecían aos grupos políticos a posibilidade de deixar patente a súa visión política ao respecto de como deberían investirse os recursos públicos dispoñibles e os que poidan vir nos próximos meses. Porén, o que prometía ser un encontro cun intenso e profundo contido dialéctico rematou sendo un intercambio sosegado de puntos de vista que non xerou demasiada controversia máis aló das posturas á hora de votar un proxecto orzamentario lixeiramente superior aos 3 millóns de euros, que saiu adiante só cos apoios do BNG, mentres que o PP votou en contra e a representate do PSOE optou por absterse. Onde si houbo un acordo unánime foi no segundo tema, a aprobación da distribución dos fondos do POS+, que supoñen 506.000 euros fixos máis 276.000 acollidos ao Plan Complementario.

O grupo de goberno defendeu o documento do orzamento como “o máis social” dos últimos anos, dado que é nese apartado onde se produce o maior incremento con respecto a 2018. De feito, o proxecto orzamentario é 210.000 euros superior ao deste ano, o que significa unha subida dun 7,6% que se traducirá, principalmente, no incremento en 4.000 horas da prestación do Servizo de Axuda no Fogar e en maior dotación para colaborar co tecido social do territorio. O BNG sinalou que as contas son “continuistas” noutros capítulos e que se deseñaron “con cautela” tentando subir o nivel de investimento ao tempo que se contén o gasto corrente e en persoal.

Seguindo a quenda de intervencións, a representante do PSOE, Yolanda Vázquez, anunciou a súa abstención amparándose nos informes da Intervención municipal que, aínda sendo favorables, sinalan un previsible incumprimento da regra de gasto establecido pola normativa estatal.  Unha normativa criticada polo voceiro nacionalista xa que, ao seu xuízo, limita a marxe de manobra de concellos que coma San Sadurniño dispoñen de recursos propios para investir e “están totalmente saneados economicamente”, asegurou Suso Soto.

Pola súa banda, o PP cualificou as contas como “infladas”, aínda que María Belén Trigo si felicitou con retranca ao grupo de goberno por ter apostado polo incremento das horas no Servizo de Axuda no Fogar. O Partido Popular tamén aludiu ao incumprimento da regra de gasto e xustificou parte do seu rexeitamento ao proxecto orzamentario en que os gastos non estarían cubertos por unha previsión de ingresos realista, sobre todo no tocante á recadación por IBI. Un extremo este último que contraargumentou o grupo nacionalista precisando que esas previsións estarían amparadas polos padróns deste imposto. Segundo Suso Soto “o catastrazo promovido polo Ministerio de Facenda” incrementará os ingresos municipais en “máis de 70.000 euros”.

Onde si houbo un acordo unánime de todos os concelleiros e concelleiras presentes foi no segundo tema da sesión: a aprobación da distribución dos fondos do POS+, que supoñen 506.000 euros fixos máis 276.500 do Plan Complementario.

Segundo debullou o portavoz do BNG, Suso Soto, uns 22.900 euros dedicaranse ao pagamento a provedores, 221.400 reservaranse para gasto corrente e 110.000 -máis 23.000 euros de achega municipal- irán parar a investimentos na rede viaria, ao igual que os 112.000 da liña crediticia sen xuros e dous anos de carencia facilitada pola Deputación da Coruña, á que San Sadurniño se volverá acoller no próximo exercicio. As obras que se acometerán son a pavimentación dos camiños de Sabanda á Pena, un acceso no Colado e o camiño do Espiñeiro, en Santa Mariña do Monte; a reparación das pistas desde Vilafiúnce até a estrada de Pedroso e desde Piñeiros ata o límite con Narón, en San Sadurniño; a renovación do firme entre O Pico e Campolabrado -en Naraío- e entre a Ermida e os Miguelares -Igrexafeita-; o arranxo da pista que une Cadavás coa estrada provincial e a que vai ao Pico de Ferreira -ambas en Ferreira- e, por último, a reparación dos camiños de Castrelo-Cabanela-A Veiga e o que comunica o núcleo da Bañoca con Moeche, obra esta última que o concello veciño completará polo seu lado.
Por outra banda tamén se aprobaron os proxectos do denominado Plan Complementario, que se executarían na medida en que o organismo provincial xere recursos económicos nos próximos meses. Son catro actuacións por valor de 276.500 euros, tres delas referidas a pavimentación de estradas municipais: desde A Chabola ata Amido, en Ferreira e Igrexafeita; do Cando ao Castro, tamén en Igrexafeita, e o amaño das pistas do Freixo á Vila e máis a dos Foxos, en Naraío. A cuarta actuación do Plan Complementario é a construción dun local anexo ao centro sociocultural de Lamas que sexa máis accesible e funcional.
O PSOE mostrouse a favor do reparto do programa provincial, igual que o PP, aínda que este último volveu botar man da retranca mostrando a súa “alegría” porque se invista na rede viaria mentres suxería que as actuacións se deben á proximidade das municipais. “Ogallá haxa eleccións todos os anos”, deixou no aire María Belén Trigo. Suso Soto retrucoulle que as actuacións se fan para cubrir “necesidades” e non cunha finalidade “electoral” e que en San Sadurniño “non só se asfalta”, senón que no anexo orzamentario de investimentos tamén van partidas para a conservación do patrimonio -entre elas a restauración do castelo de Naraío-, saneamentos e abastecementos de auga. “Hai un proxecto político con máis trasfondo que o simple feito que tapar baches”, sentenzou o portavoz nacionalista pouco antes de que Secundino García dese por rematada a sesión.

Audio do pleno

Share.