Antón Meizoso expón as súas acuarelas no Concello ata finais de mes

0

A pintura volve encher desde esta mesma semana a Galería da Casa do Concello. Un espazo expositivo aberto a practicamente todo tipo de artes que nos últimos tempos se converteu en referente para a creación amadora -e tamén profesional- de toda a volta. Durante todo este mes poderemos contemplar nas súas paredes unha escolma da obra de Antón Meizoso. O artista natural do veciño concello da Capela tráenos 33 cadros de distintos formatos, aínda que cunha maior presenza de acuarelas figurativas onde a sinxeleza é a principal seña de identidade.

Meizoso bota man da acuarela e das estampacións para recrear paisaxes e retratos difusos. Aínda que traballa sobre lenzos e mesmo con deseños policromados sobre esculturas en madeira, o que se pode ver en San Sadurniño son pinturas á auga sobre papel de alta gramaxe que permite conter o trazo cando se manexa unha técnica que ten vida propia. E é que a acuarela é, se cadra, un dos xeitos de pintar que entraña maior dificultade, posto que -a diferenza do acrílico ou do óleo- é practicamente imposible corrixir un erro.

Esa é tamén unha das razóns de que sexan poucas e poucos artistas os que se atrevan con ela e tamén o motivo de que na realización final se prime a composición dos elementos e o uso ponderado das cores que, en todo caso, sempre mostran a base branca do papel. De feito, na acuarela non se usa o branco, senón que os elementos que posúen esa cor -a espuma dunha onda do mar, por exemplo- conséguense traballando con precisión as cores circundantes e deixando sen tocar o detalle que se quere reflectir.

Antón Meizoso domina a técnica, que se traslada a outros soportes como a ilustración literaria. Ademais, a súa obra encóntrase espallada por coleccións privadas de dentro e fóra de Galicia. Leva asinadas sete exposicións propias e ten en marcha ou a punto de mostrarse outras cinco.

Unha destas mostras, composta por 33 obras de distintos tamaños e proporcións, permanecerá na Galería do Concello de San Sadurniño ata o 31 de xullo. Podemos visitala de balde no horario de apertura das dependencias municipais: de 8.30 a 14.30h. de luns a venres.

Share.