Abre o prazo de preinscrición na campaña de esquí da Deputación

0

A Deputación de A Coruña acaba de abrir a convocatoria da Campaña de Inverno deste ano. Trátase dun programa para iniciarse ou practicar o esquí dirixido á rapazada que teña entre 11 e 15 anos, ambos incluídos, que volverá viaxar á estación ourensá de Cabeza de Manzaneda. A San Sadurniño correspóndenlle tres prazas deste programa e por iso será necesario facer unha preinscrición xa que, de haber máis peticións que prazas, estas adxudicaranse por sorteo público. O último día para presentar a solicitude na Casa da Cultura é o 10 de xaneiro ás 14.00h.

A rapazada participante neste programa disfrutará de 4 días na neve con aloxamento e mantenza, ademais de cursiños de esquí. A entrada na estación será o día 8 de febreiro e a saída o día 11. A Deputación asume a maior parte dos gastos ocasionados pola campaña: transporte dende os puntos de recollida nas cabeceiras de cada comarca, estadía, monitorado, clases de esquí, seguros, alugamento de material, forfaits e actividades complementarias. Porén, cada participante que obteña praza deberá satisfacer unha cota de inscrición de 85 euros.

San Sadurniño dispón de 3 prazas  e antes de asignalas cumprirá facer unha preinscrición na Casa da Cultura que só poderán formalizar aquelas familias empadroadas no Concello. O prazo de solicitude remata o día 10 de xaneiro ás 14.00h. É de agardar que haxa máis peticións que vacantes e por iso a asignación definitiva farase mediante un sorteo público, fixado para o día seguinte ás 12.30h. tamén na Casa da Cultura.

O requisito para acceder á campaña é que os nenos ou nenas que teñan entre 11 e 15 anos, cumpridos neste último caso ata o 31 de decembro de 2019. Na web da Deputación estará publicada en breve unha folla explicativa sobre a campaña de esquí deste ano e tamén a ficha de inscrición que haberá que presentar na Casa da Cultura. Canda ela, e só no momento de termos asegurada a praza, tamén será necesario achegar unha foto de tamaño carné, a fotocopia da tarxeta sanitaria, a fotocopia do carné de identidade -ou do libro de familia- e o resgardo bancario do ingreso dos 85 euros. No caso de que o pequeno ou pequena precise algún tipo de tratamento ou padeza algunha doenza que se deba ter en conta, tamén fará falla un certificado médico onde se especifiquen estas circunstancias.

A Campaña de Inverno da Deputación da Coruña levará á neve a un total de 500 cativos e cativas repartidas en cinco quendas entre o 25 de xaneiro e o 25 de febreiro de 2019.

Share.