Abre o prazo de inscrición no programa “Espazos das familias”

0

O Concello de San Sadurniño vai desenvolver de novo o programa “Espazos das familias” dirixido a nais e pais con rapazada de entre 0 a 3 anos. Trátase dunha actividade de apoio á educación que ofrece un espazo de relación e xogo onde as familias poden profundizar no desenvolvemento das súas crianzas. As sesións desenvolveranse cada quince días na Casa da Cultura desde o mércores 9 de outubro ata o mes de maio. As inscricións poden facerse ata ao 20 de setembro no rexistro xeral do Concello. Facilitan máis información nos Servizos Sociais do Concello ou chamando aos teléfonos 981490 027 ext 1 e 673 903 922.

“Espazos das familias” é un programa que hereda a función e a estrutura do desaparecido Preescolar na casa.  Vai dirixido a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, unha etapa da infancia na que a rapazada empeza a descubrir o mundo derredor e na que se comeza a formar a que será  a súa personalidade futura.

As xuntanzas desenvolveranse os mércores cada quince días entre outubro e maio, en horario de 17.00h. a 18.30h. As sesións propóñense como un xogo colectivo e perseguen que os pais e nais aprendan todo o que hai que saber sobre o crecemento infantil, sobre a necesidade de que todo o núcleo familiar se implique no labor educativo dos novos membros e, máis que nada, sobre como levar a cabo unha crianza dos nenos e nenas responsable, igualitaria e suxeita a normas de convivencia.

Ademais, o programa tamén está enfocado a que as familias interactúen entre elas, que fagan actividades, que compartan experiencias, opinións, etc.. Os encontros non substitúen a función dunha escola infantil, aínda que si axudan á aprendizaxe por parte das nenas e nenos e á súa socialización por medio de actividades,  algo que lles será de grande utilidade cando lles chegue o tempo de ir ao colexio ou á escola infantil.

O obxectivo de Espazos das familias tamén é favorecer o desenvolvemento psicomotriz do meniños e meniñas ademais da súa creatividade. Por iso as propostas que  atoparán cada quince días na Casa da Cultura priorizan os entretementos sinxelos para toda a familia que despois se poden seguir poñendo en práctica na casa. Neste sentido, aos pais e nais tamén se lles facilitan algunhas claves da educación que se deben ter en conta dentro da familia, ademais de insistirlles na importancia do seu exemplo como referente dos nenos e nenas.

Para obter máis información ou para apuntarse nos Espazos… hai que pasar polo rexistro municipal, aínda que tamén nos amplían información no 981490 027 ext 1 e no teléfono do Programa de Educación Familiar:  673 903 922. O último día para inscribirse é o 20 de setembro.

Ficha de inscrición en formato .doc
Ficha de inscrición en formato .pdf

Share.