Aberto o prazo de solicitudes de axuda para persoas autónomas e microempresas do segundo plan de rescate da Xunta

0

O xoves publicouse no Diario Oficial de Galicia a primeira convocatoria de axudas do denominado II Plan de rescate da Xunta de Galicia, dirixido a colaborar cos sectores que máis están notando os efectos da crise, sexa pola obriga de pechar ou polo descenso da súa facturación. As dúas liñas que están xa en prazo de solicitude -até o 18 de marzo- son para persoas autónomas e microempresas, mentres que este martes está previsto que saian as relativas á hostalaría. Para acceder ás axudas haberá que acreditar baixadas de facturación en 2020 de polo menos o 45% con respecto aos datos de 2019. No caso de autónomos e autónomas a achega pode ser de ata 3.000 euros e no das microempresas o importe poderá chegar até os 9.000. Ambas axudas son compatibles entre si e, ademais, con outras convocadas pola Xunta ou polas demais Administracións Públicas. Para obter máis información sobre estas liñas pódese contactar coa Consellaría de Emprego e Igualdade no  900 815 600 e no correo hola@gohu.es.

Para acceder aos apoios do segundo Plan de Rescate deberanse acreditar baixadas de facturación en 2020 de polo menos o 45% fronte aos datos de 2019. Porén, con respecto ao primeiro plan autonómico, neste elimínanse algúns requisitos, como por exemplo o de que ás persoas autónomas non se lles pedirá acreditar prestación por cese de actividade e, no caso das microempresas non terán que ter ou ter tido ERTE desde o inicio da pandemia.

Todas as axudas do segundo Plan de Rescate son complementarias e acumulables ata un máximo de 15.700 euros por negocio, e compatibles cos importes recibidos no primeiro plan. Deste xeito, un negocio que se beneficie de ambos programas poderá percibir en catro meses axudas que van dun mínimo de 3.400 euros ata un un máximo de 24.200 euros. A tramitación dos novos apoios, segundo a Xunta, realizarase “de xeito áxil, con pouca burocracia” coa finalidade de que os pagamentos se efectúen “en cuestión de días” e antes incluso de que remate o prazo de petición.

Como novidade, o segundo plan de axudas permitirá “como excepción” que poidan acceder ás subvencións as empresarias e empresarios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas (tributarias ou coa Seguridade Social). Nestes casos, a débeda non poderá superar o 80% da axuda a percibir e as persoas beneficiarias deben comprometerse a saldalas e comunicalo no prazo de quince días. Quenestean ao corrente, percibirán a totalidade da axuda nun único pago. Desde a Consellaría de Emprego incídese en que se trata dunha medida “excepcional” que vén facilitar o acceso ás axudas públicas “a negocios con pequenas débedas coa Administración”, sen prexuízo de que teñan que cumprir coas súas obrigas tributarias e coa seguridade social.

Calquera persoa autónoma ou microempresa que teña dúbidas sobre o acceso a estas axudas, teñen a súa disposición a aplicación móbil (app) Gohu, a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es. Ademais, as bases da convocatoria poden consultarse a través da web do departamento autonómico. O prazo de solicitude remata o 18 de marzo.

Colaboración cos concellos nos seguintes plans de rescate
Por outra banda, o venres celebrouse a xuntanza da Comisión Galega de Cooperación Local, integrada pola Xunta e a FEGAMP. No encontro abordouse a maneira en que os municipios van participar no proceso de desescalada en relación co control da hostalaría, pero tamén se adiantou a posibilidade de que aproveiten a infraestrutura administrativa da Xunta de Galicia para a posta en marcha de liñas de axuda propias.

A proposta consistirá nun convenio de adhesión onde os municipios indicarán que contía desexan adicar a persoas autónomas, pemes e hostalaría, que despois se tramitarían a través dos aplicativos e servizos administrativos da Xunta. O financiamento será municipal, posto que a Xunta tamén faría o pagamento detraéndolles aos concellos o que lles tocaría percibir este ano do Fondo de Cooperación Local.

Share.