Aberto o prazo de preinscrición nas escolas municipais

0

Trala pausa do verán, o Concello volve por en marcha a súa oferta de escolas culturais e deportivas con seis propostas para todas as idades: ximnasia para persoas maiores, fútbol, voleibol, música e gaita e pandeireta. No caso do fútbol e do volei son o CF San Sadurniño e mailo Aldebarán quen se encargan da formación, polo que haberá que contactar con calquera deses dous clubs para formalizar as inscricións. Os teléfonos do Sansa son o 618 527 359 e 669 638 282, mentres que o Aldebarán atende no 619 427 433 e 671 752 719. Porén, para o resto das actividades será necesario facer antes a preinscrición chamando ao 981 490 027 ou pasando polo Concello. O prazo estará aberto ata o 27 de setembro e cómpre que se xunten un mínimo de 8 solicitudes para cada unha das escolas. Por outra banda, lembramos que segue aberta a recollida de inscricións para os obradoiros de memoria activa e para o programa Espazos das Familias e que, ademais, na Casa da Cultura tamén hai clases de Ioga e Pilates á marxe da programación municipal.

A de ximnasia de mantemento para maiores desenvolverase en dúas quendas pola semana, unha de 16 a 17.00h. e outra de 17.15 a 18.15h.: os luns primeiro en Naraío e logo en Lamas, os martes en Ferreira e San Sadurniño, os mércores en Naraío e Santa Mariña, os xoves en Ferreira e San Sadurniño e os venres en Santa Mariña e Lamas. Están pendentes de definir os horarios para o grupo de Igrexafeita.

As clases de solfexo e música coral quedaron fixadas para os xoves: de 19.15 a 21.15h. haberá iniciación no local social de Lamas e de 21.30 a 23.30h. perfeccionamento na Casa da Xuventude, en San Sadurniño.

Por último, no caso da música tradicional, as clases impartiranse no local social de Naraío. A iniciación á gaita será os martes de 19.30 a 21.00h. e o grupo de perfeccionamento reunirase de 21.00 a 22.30h. As sesións de canto e pandeireta volven quedar para os mércores: de 18 a 19.00h. para a rapazada de 3 a 6 anos, de 19 a 20.00h. para perfeccionamento infantil e de 20 a 21.00h. o grupo de persoas adultas.

Unha vez que se confirmen os grupos poderase efectuar a matrícula a partir do día 1 de outubro, data na que tamén botarán a andar as escolas. Os prezos son os seguintes: 15,71€ de matrícula e 30,24€ de cota trimestral para maiores de 18 anos e menores de 65. As persoas menores de 18 anos, maiores de 65, pensionistas, estudantes, familias numerosas e titulares do Carné Xove terán que pagar 15,05 euros de matrícula e 20,17 cada trimestre.

Memoria activa e Espazos das Familias
Lembramos, para rematar, que o programa de estimulación cognitiva para persoas maiores tamén retomará en outubro a súa actividade, coa que se pretende promover o exercicio da mente e os hábitos saudables.

Haberá seis sesións en cada parroquia, sempre e cando haxa un mínimo de 8 persoas inscritas para cada grupo. Por iso é importante apuntarse xa chamando ao 981 490 027 ou pasando polo Concello. O prazo finaliza o día 28 de setembro.

Por outra banda, a área de Benestar tamén ten aberta a inscrición para o programa Espazos das familias, que volverá cada quince días a partir do mes de outubro. Nese caso as inscricións poden facerse chamando ao Concello ou contactando directamente coa Educadora familiar no 673 903 922.

Clases de Pilates e Ioga
Ademais da oferta municipal, a Casa da Cultura tamén acolle desde hai varios días sesións de Pilates e Ioga impartidas por monitoras que botan man deste espazo para as súas clases. No caso de Pilates hai dúas sesións semanais -os luns e mércores- con dous grupos en cada unha delas, un entre as 20 e as 21.00h. e outro de 21 a 22.00h. Para inscribirse hai que chamar ao 665 957 056.

En canto á práctica do Ioga, as clases son os martes e xoves de 8.30 a 10.00h. e o teléfono de contacto para apuntarse é o 639 052 208.

 

Share.