Aberto o prazo de preinscrición na campaña de esquí da Deputación

0

A Deputación de A Coruña acaba de abrir a convocatoria da Campaña de Inverno deste ano. Trátase dun programa para iniciarse ou practicar o esquí dirixido á rapazada nacida entre os anos 2003 e 2007, ambos incluídos, que nesta ocasión viaxará á estación ourensá de Cabeza de Manzaneda. A San Sadurniño correspóndenlle tres prazas deste programa e por iso será necesario facer unha preinscrición xa que, de haber máis peticións que prazas, estas adxudicaranse por sorteo público. O último día para presentar a solicitude é o 16 de xaneiro.

A rapazada participante neste programa disfrutará de 4 días na neve con aloxamento e mantenza, ademais de cursiños de esquí. A entrada na estación será o día 16 de febreiro e a saída o día 19. A Deputación asume a maior parte dos gastos ocasionados pola campaña: transporte dende os puntos de recollida nas cabeceiras de cada comarca, estadía, monitorado, clases de esquí, seguros, alugamento de material, forfaits e actividades complementarias. Porén, cada participante que obteña praza deberá satisfacer unha cota de inscrición de 85 euros.

San Sadurniño dispón de 3 prazas  e antes de asignalas cumprirá facer unha preinscrición na Casa da Cultura que só poderán formalizar aquelas familias empadroadas no Concello. O prazo de solicitude remata o día 16 de xaneiro. É de agardar que haxa máis peticións que vacantes e por iso a asignación definitiva farase mediante un sorteo público, fixado para o 17 de xaneiro ás 12.30h. tamén na Casa da Cultura.

O requisito para acceder á campaña é que os nenos ou nenas naceran nos anos 2003, 2004, 2005, 2006 ou 2007. A Deputación publicou unha folla explicativa sobre a campaña de esquí deste ano e tamén a ficha de inscrición que haberá que presentar na Casa da Cultura. Canda ela, e só no momento de termos asegurada a praza, tamén será necesario achegar unha foto de tamaño carné, a fotocopia da tarxeta sanitaria, a fotocopia do carné de identidade -ou do libro de familia- e o resgardo bancario do ingreso dos 85 euros. No caso de que o pequeno ou pequena precise algún tipo de tratamento ou padeza algunha doenza que se deba ter en conta, tamén fará falla un certificado médico onde se especifiquen estas circunstancias.

A Campaña de Inverno da Deputación da Coruña levará á neve a un total de 500 cativos e cativas repartidas en cinco quendas entre o 2 de febreiro e o 12 de marzo. A maior parte dos municipios da nosa zona irán na segunda quenda, onde tamén entra o concello da Coruña. Son 90 prazas distribuídas segundo criteiros de poboación. Así, o maior cupo -30 prazas- é para A Coruña, seguido de Ferrol con 19 e Narón con 13. Ares, Cedeira, Neda e Valdoviño disporán de 4 prazas cada un e, por último, as 12 prazas restantes repártense a razón de 3 para cada un entre os concellos de Mañón, Moeche, San Sadurniño e As Somozas.

Folla de preinscrición e información sobre o programa

Share.