A Xunta incrementa as restricións en toda Galicia desde a medianoite do xoves ao venres

0

Estamos na terceira onda da pandemia, que en Galicia ofrece un panorama “preocupante” por mor da súa incidencia. O presidente da Xunta compareceu perante os medios hoxe a media mañá para describir a situación actual e tamén as medidas que se van adoptar en todo o territorio -reforzadas no caso dos municipios con máis casos ou cunha tendencia á alza- para adiantar a finais deste mes un  pico da pandemia  que, “de non facer nada” -tal e como dixo Alberto Núñez Feijoo-, se produciría, segundo as proxeccións epidemiolóxicas, a mediados de febreiro e, ademais, cunha repercusión maior que no pasado mes de abril, cando se rexistrou en Galicia o número máis elevado de contaxios. Segundo os datos facilitados polo presidente, a día de hoxe había confirmados 9.400 casos activos e 438 persoas hospitalizadas, das que 73 están ingresadas en UCI. Feijoo achácalle estas cifras ás festas do Nadal, que agora obrigan a “actuar en consecuencia” incrementando as medidas restritivas e pedíndolle máis responsabilidade á cidadanía no seu cumprimento. Por iso, desde a medianoite do xoves para o venres, en toda Galicia adiántase o toque de queda ás 22.00h., prohíbense os grupos de máis de 4 persoas non convivintes en espazos abertos ao público ou privados e, con carácter xeral, a hostalaría e a restauración deberán pechar ás 18.00h. e non poderán exceder o 30% do aforo interior nin o 50% das terrazas. En territorios con cifras superiores de contaxio por cada 100.000 habitantes -como son Narón, Ferrol, Fene, Cabanas, Pontedeume e Ortigueira-, as limitacións son aínda maiores: peches perimetrais individuais (desaparecen as “améndoas”), hostalaría só con servizo en terrazas a un 50% como máximo e tope dun 30% do aforo nas tendas dos centros comerciais -onde non se poderán usar os espazos comúns- e máximo dun 50% de capacidade no resto de comercios.

O presidente autonómico precisou que se ben a situación actual “é mellor” que a rexistrada durante o pico de novembro, as proxeccións efectuadas polo SERGAS e o comité clínico apuntan a unha perspectiva “moi preocupante” que obriga a actuar “de inmediato”, pasando para iso a toda a comunidade a un nivel de restricións medio-alto e aplicando as máximas limitacións previstas tanto nas sete grandes cidades como noutros 53 municipios.

Feijoo iniciou a súa intervención pedindo “responsabilidade” á cidadanía na aplicación das medidas preventivas e suxerindo un autoconfinamento domiciliario que só se salte “para o esencial”, como por exemplo ir ao médico, ao colexio, ao traballo -recomendou recuperar o teletraballo- e facer compras de produtos indispensables. Deseguido, o presidente da Xunta de Galicia, foi debullando as restricións máis importantes en vigor a partir da madrugada do venres e obviando entrar no detalle por levar xa tempo publicadas na web do SERGAS para cada nivel de risco.

  • Así, en todos os municipios galegos o toque de queda adiántase ás 22.00h. e, en consecuencia, o comercio deberá pechar ás 21.30h.
  • Por outra banda, os grupos en espazos públicos ou privados non poderán superar as 4 persoas non convivintes e desde a Xunta insístese moito en que as reunións domiciliarias se reduzan exclusivamente a persoas que formen parte da unidade de convivencia.
  • De acordo co nivel de restrición medio-alto, a hostalaría de toda Galicia deberá pechar ás 18.00h., aínda que poderá seguir prestando servizo para entrega ou reparto a domicilio despois desa hora.
  • En bares e restaurantes non se superará máis dun 30% da súa capacidade no interior -sen servizo en barra- nin tampouco máis dun 50% da capacidade das terrazas, tendo en conta que o número máximo de persoas por mesa non ha de ser maior de 4, mantendo sempre a separación interpersoal.

Relacionado cos tres puntos anteriores, Feijoo apelou de novo á responsabilidade individual para que os encontros na hostalaría non prosigan despois das seis da tarde nos domicilios particulares: “Non levemos o bar á casa despois desa hora”, dixo o presidente da Xunta, indicando que proceder así “é facerse autotrampas”.

  • En canto ao comercio, na rolda de prensa indicouse que os establecementos de municipios con nivel medio-alto limitarán a atención a un 50% do seu aforo e nos centros comerciais estará prohibido permanecer nos espazos comúns.
  • O tope do 50% será de aplicación tamén a centros recreativos, centros cívicos e sociais, turísticos, bibliotecas, arquivos, museos, actividades culturais grupais e similares, onde os grupos non poderán superar tampouco as 4 persoas, ademais do monitor/a ou guía.
  • As actividades deportivas non federadas han de respectar os grupos máximos de 4 persoas e se se desenvolven en interior, tamén á metade da súa capacidade. Cines, teatros e auditorios deberán acomodar o público sempre sentado, gardando a distancia de 1,5 metros e non sobrepasar as 250 asistentes en espazos pechados ou as 500 en espazos abertos.
  • Aínda que non se mencionou na comparecencia, de acordo co protocolo publicado pola Xunta para restricións de nivel medio-alto (documento que se modificará tan pronto se publique no DOG o anunciado esta mañá), os lugares de culto non poderán superar 1/3 da súa capacidade, os mortorios só poderán reunir 10 persoas en espazos pechados e 25 en lugares abertos e os enterros reduciranse a 25 persoas como máximo entre familiares e achegadas, sexan ou non convivintes.
  • Feijoo tamén avanzou que as visitas hospitalarias se restrinxen a un máximo de 1 persoa por paciente en todos os centros dependentes do SERGAS.

60 concellos con restricións máximas
As medidas anteriores refírense, con carácter xeral, a todo o territorio de Galicia, incluso a concellos en nivel básico como San Sadurniño, onde a día onte -segundo informou o SERGAS- só había 6 casos activos rexistrados.

Porén, naqueles municipios onde a incidencia acumulada é máis elevada aplicaranse restricións do nivel máximo. Tal e como explicou Núñez Feijoo son 60 concellos da comunidade, 33 de máis de 10.000 habitantes e 27 con poboación inferior onde o número de contaxios “é preocupante”.

Na nosa zona son Narón, Ferrol, Fene, Cabanas, Pontedeume e Ortigueira, onde haberá desde este venres peches perimetrais individuais, é dicir, non se permitirá a entrada nin a saída nin poderá haber movementos entre concellos aínda que estean no mesmo nivel. Das limitacións á mobilidade exceptúanse as xa sabidas: ir ao traballo, a hospitais ou centros de saúde, coidados de persoas, por motivos educativos, etc. e, de igual modo, os grupos de persoas non convivintes non poderán de máis de catro.
En todos os municipios en nivel máximo de restricións a hostalaría non poderá atender no interior nin tampouco sobrepasar o 50% nas terrazas. Igual que no resto de Galicia deberán pechar ás 18.00h., aínda que poderán manter os servizos de entrega e reparto a domicilio despois desa hora.
Neses territorios terán que pechar as salas de xogo e as tendas integradas en centros comerciais -onde estará prohibido permanecer nos espazos comúns- non poderán exceder o 30% do seu aforo. O resto do comercio continuará co límite de capacidade do 50%.
Como no resto de Galicia, o toque de queda prolongarase desde as 22.00h até as 6.00h., non podendo saltarse agás por causas debidamente xustificadas e acreditadas.
Os cambios no nivel de restricións han de publicarse antes desta medianoite ou mañá ao longo do día nunha edición especial do DOG, con efectos desde as 00.00h. do venres.
A estas alturas da pandemia, e despois de case un ano a voltas con mensaxes preventivas, sobra dicir que tanto nos municipios pechados como no resto de Galicia deben seguir cumpríndose todas as prevencións básicas que tanto se levan repetido. Neste momento é moi importante non caer nesa “fatiga pandémica” da que tanto se fala nos últimos días e que nos leva a baixar a garda por cansanzo despois de tanta norma e tantos meses. Agora máis que nunca cada un de nós debemos ter moito rigor levando á práctica o seguinte:
  • Distanciamento de 1,5 metros con respecto a outras persoas.
  • Máscara obrigatoria a partir dos 6 anos, que ha de ir correctamente colocada e non ter válvula exhalatoria. A máscara deberase manipular o menos posible e, de ter que facelo, sempre coas mans perfectamente limpas.
  • Hixiene frecuente de mans: lavalas a conciencia con abundante auga e xabón e utilizar sempre que se poida solucións desinfectantes para uso cutáneo ou xeles hidroalcólicos. Débese evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca.
  • Hixiene respiratoria: non quitar a máscara para esbirrar ou tusir. Se estamos na casa sen ela, tapar o nariz e a boca cun pano desbotable ou facelo contra o interior do cóbado. Neste sentido é fundamental que cando esteamos nunha terraza ou na mesa dun bar só quitemos a máscara no momento da consumición (así o indica a normativa vixente). É dicir, para tomar un grolo ou sorber un pouco café retiramos a máscara e inmediatamente despois de facelo axustarémola de novo colléndoa polas gomas. Aínda que o vemos moitas veces, non se pode quitar a máscara ao sentar na mesa, estar con ela baixada mentres se parola e se consume e, despois, cando nos erguemos, poñela de novo. Non, a máscara quítase para beber e ponse para seguir de parrafeo, por moi incómodo que sexa e por moitas veces que teñamos que facelo.
  • Prohibido fumar/vapear en lugares públicos a menos de 2 metros doutras persoas. Tamén está prohibido tomar alcol na vía pública.
  • Se notamos algún síntoma coincidente cos da COVID-19, debemos quedar na casa -igual que no caso de ter un contacto estreito cun positivo por coronavirus- e informar ás autoridades sanitarias chamando ao 900 400 116, nunca acudir directamente ao centro de saúde. Os síntomas da enfermidade son os seguintes:  febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos.

Máis información
Ligazón ao DOG coas novas medidas, que entrarán en vigor na medianoite do venres 15 de xaneiro

Share.