A VIII Feira Rural incorpora ao programa unha quincena de postos certificados polo CRAEGA

0

San Sadurniño converterase o sábado 27 de agosto no referente das posibilidades de desenvolvemento do medio rural  a través da oitava edición da feira anual que terá lugar ao pé do Xubia. Un evento que xungue a filosofía das feiras tradicionais  coa promoción daquelas experiencias que apostan pola sustentabilidade. A VIII Feira Rural volverá contar co mercado e múltiples actividades paralelas, tanto de lecer como relacionadas cos produtos de calidade agrogandeira e o ambiente. Unha das novidades deste ano é que ao evento acudirán arredor dunha quincena de explotacións certificadas polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, que ofrecerán degustacións dos seus produtos durante toda a xornada.

A feira arrancará sobre as 10 da mañá cun mercado cumprido de produtos frescos, alimentos transformados, viveiros de planta e flor, artesanía e artigos de segunda man, distribuídos polo arboredo de especies autóctonas da Cortiña. Na carpa principal poderán atoparse alimentos de calidade e tamén a froita que se presente ao concurso organizado polo Concello e a AGFA do Eume. Os produtores e produtoras ecolóxicas con certificación do CRAEGA colocaranse no sendeiro central do arboredo, xusto ao carón da carpa principal.

O programa de actividades paralelas inclúe a tradicional copa de agility canino, dúas exhibicións de cetraría, paseos en kaiac polo Xubia todo o día, obradoiros de cociña saudable para os nenos e nenas -con inscrición previa no posto do Concello-, xogos con trebellos solares, un taller de circo, etc. Tamén se prevén visitas guiadas ao colmear didáctico xestionado pola AGA-Ferrolterra e á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, situada ao pé da feira. De feito, a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume -encargada do mantemento da parcela- aproveitará o evento para reivindicar a caracterización e rexistro oficial das múltiples variedades de froita que hai no país -arredor de 400 só de mazá, segundo estimacións da AGFA- de cara a garantir a súa preservación e coñecer o seu potencial. En relación coas castes autóctonas, a Escola de Capacitación Agroforestal de Guísamo dará a probar viño elaborado con uva branca lexítima e sidra de mazás do país, que se acompañarán con queixo do Casal.

E xa que se fala de comer, cómpre lembrar que feira contará cun espazo para xantar por un prezo módico. Outra opción son os restaurantes da zona. O mesón A Granxa e o Muíño do Pepe son os máis próximos, aínda que tamén temos o mesón o Ferrador preto do Concello, Riboira en Lamas, Os Cazadores en Santa Mariña do Monte-, polo que cómpre chamar con tempo de adianto para reservar.

Inscrición de postos na feira
Os postos de alimentación, artesanía e segunda man que queiran reservar espazo poden facelo ata o 24 de agosto ás 14.00h. presentando a solicitude debidamente cuberta e aboando a cota de participación: 3 euros por cada expositor de produtos agroalimentarios, artesanía e segunda man e 5 para viveiros e maquinaria. As cotas deben pagarse directamente na Casa da Cultura, onde tamén é posible entregar a ficha de inscrición, ou ingresalas na conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059 indicando no concepto “Inscrición Feira Rural”. O día da feira será necesario presentar o resgardo do ingreso para acceder ao recinto. As entidades sen fins de lucro están exentas sempre que acheguen  copia dos seus estatutos a menos que xa o fixeran con anterioridade para calquera convocatoria municipal.

A folla de inscrición pode presentarse no rexistro municipal, por correo postal -Lugar do Casal nº 16, 15560 San Sadurniño- ou ben enviala ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal.  O listado de postos admitidos publicarase na web municipal o día 25.

Para participar no concurso de froita organizado pola AGFA e o Concello habilitarase unha mesa de inscrición o propio día da feira entre as 10.30 e as 11.00h. e o certame -que se fallará ás 13.30h.- desenvolverase atendendo aos criterios de puntuación establecidos nas bases acordadas entre a asociación e o departamento municipal de Desenvolvemento Local.

 

PROGRAMA COMPLETO

10.00h. Apertura da feira e expositores: Agroalimentación, Artesanía, Viveiros e 2ª man. Stands de produtos ecolóxicos certifidados polo CRAEGA Feiraeco Ágora Verde (con degustación permanente)

10.30h. a 11.00h. Concurso da Froita Autóctona:
– Inscricións de lotes de froita para concurso. De 10:30 a 11:00 h
– Fallo do concurso da Froita. 13:30 h
– Entrega de Premios. 14:00 h (Agasallo dunha froiteira autóctona só por participar)
1º premio: Cesto de produtos valorado en 100 euros
2º premio: Cesto de produtos valorado en 75 euros
3º premio: Cesto de produtos valorado en 50 euros

11.00h. a 13.30h  IV Copa Agility Concello de San Sadurniño
11.30h. Primeira visita guiada á horta de froiteiras autóctonas (inscrición no posto do Concello)
12.00h. Exhibición de cetraría
12.00h. a 13.30h.  Obradoiro de cociña creativa para nenos e nenas
12.30h. Cata de viño e sidra da C.F.E.A. de Guísamo con queixo O Casal
12.30h. Primeira visita guiada ao Colmear didáctico. (Inscrición no posto do Concello)
14.15h. Sorteo de cestos con produtos do país (carpa principal)
16.30 a 18.00h.  Obradoiro de cociña creativa para nenos e nenas
17.00h. Visita guiada á Horta de Froiteiras Autóctonas.
18.00h.  Visita guiada ao Colmear didáctico
18.00h.  Exhibición de cetraría
19.15h. Segundo sorteo de produtos e lotes de froita autóctona
19.30h. Clausura da VIII Feira Rural

Exposicións permanentes:
– Apicultura da Asociación A.G.A. de Ferrolterra.
– Froita Autóctona da Asociación A.G.F.A. do Eume.
– Cociñas e trebellos solares da Asociación Os Picos do Sol.
– Club de raza Can de Palleiro.
– Aves rapaces.

Actividades/Obradoiros paralelos:
– Baixadas en kaiac polo Río Xubia. 11.00h. a 14.30h. e de 15.30 a 19.00h.
– Obradoiro de Inxenios Solares. Obradoiro de Chapas. Obradoiro de Circo. Xogos xigantes e Obradoiro de montaxe de dinos xigantes. 11.00h. a 19.30h.
– Obradoiro da Casa do mel de Goente. 11.00h. a 19.00h.

Expositor do Concello:
– Inscricións para visitas guiadas ó Apiario e/ou á Horta de Froiteiras, baixadas en kaiac, e obradoiro de Cociña Creativa
– Información turística
– Recollida de tickets para a cata de viño, sidra e queixo

Mapa de situación da feira e locais hostaleiros

 

Share.