A rapazada da ESO do CPI San Sadurniño asiste á representación de “Os nenos da varíola”

0

O alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI de San Sadurniño asistiu esta mañá na Casa da Cultura á representación da obra “Os nenos da varíola”. A peza toma como eixe central a vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña e como chegaron a ser os heroes da Real Expedición Filantrópica da Vacina, que partíu o 30 de novembro de 1803 do porto da Coruña para levar a vacina da varíola a América, Filipinas e China.

Unha vintena de nenas e nenos procedentes de orfanatos de Madrid, Santiago e A Coruña foron levados aos territorios de ultramar de América e Filipinas como portadores dos anticorpos da varíola ou, dito doutra maneira, como portadores da “vacina” extraída das pústulas que se creaban despois de inocularlles unha versión pouco activa do virus.

A idea era que uns fosen contaxiando aos outros como unha cadea humana, mantendo viva a vacina durante as longas travesías oceánicas ata chegar a terra, continuando despois co mesmo procedemento entre a poboación local para erradicar a enfermidade.

A viaxe -unha das maiores xestas médicas da historia- inspirou varias novelas, cómics e mesmo películas. Unha das obras máis exitosas foi a escrita pola xornalista María Solar que, posteriormente, sería adaptada ao teatro pola compañía Pérez&Fernández en coprodución co Centro Dramático Galego. En 2021 levou o María Casares á mellor peza dirixida a público infantil.

No escenario puidemos ver a Isa Risco, Victoria Pérez, Manu Fernández e Xosé Leis interpretando ata 11 papeis distintos dunha trama na que destaca a figura de Isabel Zendal, reitora da casa de expósitos que acabaría converténdose nun dos piares máis importantes da expedición.

A representación chegou a San Sadurniño da man do circuíto “Cultura en Igualdade 2022” da Deputación da Coruña.

Share.