A oficina móbil do DNI volve por San Sadurniño o 24 de setembro

0

A Policía Nacional comunicoulle hai tan só uns días ao Concello a súa intención de retomar de inmediato o servizo itinerante de renovación do DNI, aínda que variando a maneira en que se presta para ofrecer as máximas garantías preventivas ante a COVID-19. Así, o persoal do corpo estará en San Sadurniño na mañá do 24 de setembro atendendo un cupo máximo de 45 persoas que, coma sempre, deberán solicitar cita previa chamando ao 981 490 027. Desde a Policía indican que para facer o trámite se deberán respectar as quendas sen anticiparse máis aló de cinco minutos  nin tampouco retrasarse sobre a hora asignada, co obxectivo de que se cumpra a programación e se eviten aglomeracións de xente mentres se agarda.

Nas últimas semanas foron moitas as persoas que chamaron ao Concello para interesarse polo servizo de renovación do documento de identidade. No rexistro municipal foron anotándose nomes e datos de contacto para ir dando citas tan pronto como houbese constancia da data de reanudación do servizo, algo que se soubo esta mesma mañá.

Así, o 24 de setembro a oficina móbil estará no salón de plenos entre as 9.00 e as 12.00h. A Policía estima que nese intervalo poderán atender un total de 45 persoas como máximo -15 por hora- cunhas previsións de cinco minutos por persoa usuaria para completar o trámite. Boa parte dese cupo xa se cubriu co listado de peticións que tiña feito o Concello, pero aínda quedan varios ocos libres que non han tardar en cubrirse chamando ao 981 490 027.

Ademais do límite de usuarias, tamén se estableceu a obriga de agardar fóra do salón de plenos. Deberemos permanecer no patio interior do Concello ata que nos chamen, sempre coa máscara posta e gardando a debida distancia de seguridade con respecto a outras persoas. Por esta razón, e para evitar esperas innecesarias e que se xunte demasiada xente no mesmo sitio, prégase que as persoas usuarias se axusten o máis posible á hora da cita. Abonda con que estean cinco minutos antes e que procuren non pasar da hora sinalada para non interferir na programación das quendas.

Tamén se pide que só acudan facer a renovación as persoas interesadas -a menos que se trate de menores, dependentes ou persoas que precisen axuda para moverse ou entenderse co trámite- e que se leve o importe exacto da taxa correspondente (12€) se non se dispón de tarxeta para o pagamento telemático. Para a renovación tamén é precisa unha foto carné en cor e, no caso de cambio nos datos de residencia en San Sadurniño, fará falla o volante de empadroamento. Este último expídeo o Concello e haberá que solicitalo de maneira anticipada para poder recollelo o mesmo día no rexistro municipal.

Os DNIs xa renovados entregaranse o día 28 de setembro á mesma hora que nos desen para efectuar a renovación.

É importante ter en conta que todos os DNIs que caducasen desde o 14 de marzo -data en que se declarou o primeiro Estado de Alarma- serán válidos ata o 13 de marzo de 2021, gracias a unha prórroga automática decretada polo Goberno estatal. É dicir, é recomendable renovalo no momento que poidamos, pero non temos por que apurarnos a facelo xa que o documento seguirá sendo válido ata marzo do ano que vén aínda que estea caducado.

 

Share.