A Oficina de Orientación laboral ofrece información sobre prácticas formativas na Unión Europea

0

¿Es menor de 30 anos? ¿Gustaríache facer unha escapada de varias semanas a un país da Unión Europea para facer prácticas non remuneradas nunha empresa? Atende entón. A Oficina de Orientación laboral está recabando información sobre o interese da mocidade en participar en estadías formativas en Europa de cara a ver a posibilidade de formar un grupo de entre 10 e 15 persoas co que presentar unha proposta conxunta ao programa de mobilidade transnacional xuvenil e, en calquera caso, co obxectivo de informar a calquera persoa que cumpra os requisitos por se quere solicitar a súa participación a título individual. Os requisitos básicos son os de ter entre 16 e 30 anos e estar en situación de desemprego.

O programa prevé a realización de prácticas formativas non retribuídas en empresas e entidades públicas ou privadas de países europeos co obxectivo de incrementar as posibilidades de inserción laboral para a mocidade, complementar a competencia profesional e persoal, adquirir competencias en idiomas estranxeiros e fomentar a autonomía persoal. As estadías desenvolveríanse cunha duración de entre 8 e 16 semanas ao longo deste 2016 e, en todo caso, deberán finalizar antes do 20 de novembro.

Poderá acollerse a mocidade non ocupada e non integrada nos sistemas de educación ou formación que, ademais, estea inscrita no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, trámite este último sobre o que asesora a Oficina de Orientación laboral de San Sadurniño. Para entrar formar parte dese ficheiro, ademais dos requisitos de idade, hai que cumprir estoutros:

– Non ter traballado nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.
– Non ter recibido accións educativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos noventa días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación. No caso de ter finalizada a participación no sistema educativo serán corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores.
– Non ter recibido accións formativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

Desde o Concello estase creando unha pequena base de datos con persoas interesadas en mellorar a súa empregabilidade por medio deste programa. A idea é formar un grupo que se axuste a estes requisitos para formular unha petición conxunta a través do Concello. Porén, se non se dá xuntando o número mínimo, a Oficina de Orientación laboral -situada no baixo da Casa do Concello- tamén facilitará toda a información necesaria por se calquera persoa quere formular a solicitude a título individual.

Para saber máis sobre esta iniciativa pódese chamar ao 981 490 027 (ext 2) ou escribir un correo electrónico a orientacion.laboral@sansadurnino.dicoruna.es.

Share.