A Hora do Planeta apagará o sábado 24 Marqués de Figueroa e a praza do antigo Concello

0

A Hora do Planeta é unha campaña de WWF que busca implicar a sociedade na loita contra o cambio climático a través do xesto simbólico de apagar durante unha hora edificios públicos, empresas e fogares. A iniciativa pretende concienciar ás persoas e institucións sobre a necesidade de adoptar medidas fronte aos danos provocados pola actividade humana no ambiente, así como reducir as emisións contaminantes, aforrar enerxía e rebaixar a contaminación lumínica. San Sadurniño participará de novo nesta acción simultánea que se desenvolverá o sábado 24 entre as 20.30 e as 21.30h.  Aquí apagaranse os farois do alumeado público na praza do antigo Concello e na Avenida Marqués de Figueroa.

Hora do Planeta está aberta á participación de todos e todas de múltiples maneiras. A primeira é apagando as luces e desconectando aparellos eléctricos durante unha hora, que cadra sempre e en todo o mundo nun dos últimos sábados do mes de marzo e, nesta ocasión, o 24 entre as 20.30 e as 21.30h. Canda esta proposta principal tamén hai a posibilidade de suscribir en liña os compromisos da organización conservacionista Fondo Mundial para a Natureza (WWF) ou compartir a campaña a través das redes sociais, usando hashtags en distintos idiomas con lemas como #HoradoPlaneta, #EuApagoPor e #Conéctate que buscan viralizar a mensaxe en Internet.

Porén,  o máis importante é que despois do 24 sexamos capaces de interiorizar a poñer en práctica hábitos de cambio, tanto a título individual como colectivo. E eses cambios non lle afectan só a cuestións enerxéticas e ambientais, senón tamén de sostenibilidade social. Na propia web da WWF temos unha chea de recomendacións ao respecto e ben doadas de aplicar.

O que arrancou en Australia no 2007 como unha campaña publicitaria acabou por converterse nun dos maiores movementos voluntarios do mundo.  Para a convocatoria deste ano a web de WWF indica que, só en España (no momento de preparar esta nova), van inscritas cerca de 2.200 persoas, 105 empresas, 106 entidades e 274 municipios. Un número que vai en aumento a cada minuto e que non é representativo da súa repercusión real, posto que hai concellos, persoas e entidades que aínda se inscribirán nos próximos días e tamén haberá quen leve á práctica o apagado malia non figurar no rexistro voluntario da web.

San Sadurniño unirase á Hora do Planeta desconectando o alumeado da antiga praza do Concello e da avenida Marqués de Figueroa o sábado 24 de marzo entre as 20.30 e as 21.30h. Desde o Goberno local convídase a que toda a veciñanza se sume á acción global “como un pequeno xesto que demostre o noso compromiso de ir cambiando hábitos na casa e fóra dela, dándolles exemplo ás nosas fillas e fillos, dicíndolles que este é o único planeta que temos e que debemos facer todo o posible por conservalo para quen veña despois de nós”, comenta a responsable de Servizos, Amparo Calvo.

O Concello enviou hai uns días a súa carta de adhesión á iniciativa, tal e como fixeron o Parlamento de Galicia, a Deputación de Pontevedra e -de momento- outros 11 municipios galegos, entre eles Santiago e Vigo. Preto de nós xa se uniron á campaña Fene e Mugardos que, a esa mesma hora, tamén apagarán a luz en espazos públicos. No ámbito social tamén figura como inscrita na web da WWF a Asociación Veciñal O Castelo de Narahío.

 

Share.