A Deputación licita as obras das sendas peonís de Santa Mariña e Silvalonga

0

O Perfil de Contratante da Deputación da Coruña publicou hoxe mesmo o proceso de licitación das obras correspondentes á execución das sendas peonís no  núcleo de Silvalonga e ao longo do eixo principal de Santa Mariña do Monte. No primeiro caso executarase unha beiravía de 230 m. e no segundo a senda percorrerá 860 metros da marxe dereita da estrada, desde o lugar da Pena ate pasada a Golpilleira. As obras, cifradas nun prezo de saída de 197.119 €, forman parte do Plan Sendas Peonís 2016 deseñado polo organismo provincial. Estas novas infraestruturas responden a unha demanda veciñal e ao proxecto presentado polo Concello á Deputación hai catro anos. 

As sendas peonís para Silvalonga e Santa Mariña son dúas aspiracións municipais que veñen de tempo atrás. Por tratarse dunha vía provincial xa en 2012 o goberno local lle presentara o proxecto ao daquela presidente da Deputación, Diego Calvo, sen que se acadase ningún compromiso de execución, malia tratarse dunha reivindicación veciñal reiterada nas asembleas dos orzamentos participativos.

Máis recentemente, en novembro de 2015, o Concello aproveitou a visita do actual responsable de Infraestruturas viarias, José Manuel Pequeño, para volver tratar a cuestión destas dúas obras que, finalmente, quedaron aprobadas no pleno provincial do pasado 29 de xullo.

A contratación das obras iniciouse hoxe coa publicación do anuncio no BOP e no Perfil de Contratante da Deputación. Saen por un prezo inicial de 197.119,21 €, -ive incluído- e un prazo de execución máximo de 4 meses. A obra está proxectada en dous tramos: o primeiro, de 230 metros, discorrerá pola marxe dereita da DP-7603 no núcleo de Silvalonga, mentres que o segundo, de 860 metros, arrancará no lugar da Pena e seguirá polo mesmo lado e sen interrupción ata ben pasado o lugar da Golpilleira, en Santa Mariña do Monte.

En ambos casos deseñouse unha beiravía de 2 metros de ancho en terreos que a Deputación xa tiña expropiados de cando se ampliara a estrada. As obras levarán aparelladas, ademais, a canalización de pluviais, tubaxes de drenaxe, nova sinalización e, nalgúns tramos, tamén varandas metálicas e nova sinalización.

Estas sendas peonís non serán as únicas coas que contará San Sadurniño nesta anualidade, xa que o Concello rematou no verán  600 metros de beiravías no núcleo principal de Bardaos e hai escasos días finalizou a construción doutro medio quilómetro en Naraío, entre o lugar do Eirexado e a Ponte da Ferraría.

Share.