A Concellaría de Servizos instala un novo sistema de control na potabilizadora municipal

0

A Estación de Tratamento de Auga Potable da Agra funciona desde hoxe de forma practicamente automática, logo de que a Concellaría de Servizos instalase nela un novo equipamento que controla todos os seus parámetros e que regula de maneira autónoma os niveis de cloración da auga. O persoal municipal asistiu esta mañá á formación sobre o manexo do cadro de control do sistema, que incluso leva un rexistro constante de caudais, calidades da auga e alertas que se poden ter vixiados desde un teléfono móbil. Na mellora -que facilitará a xestión do abastecemento municipal- investíronse preto de 9.000 euros procedentes dos remanentes económicos do Concello do ano 2019 -máis de 133.000 euros-, cos que se financiarán outros seis proxectos relacionados co mantemento de infraestruturas e o turismo.

A instalación do novo equipamento de automatización e telecontrol da potabilizadora permite desde agora ter acceso a datos en tempo real sobre o caudal de saída, de xeito que se poderán detectar ao momento posibles fugas na rede. E non só iso, senón que o sistema tamén mide permanentemente os parámetros de cloración da auga e é capaz de regulalos de forma autónoma dentro das marxes establecidas na normativa.

Por outra banda, toda a información dispoñible e calquera incidencia que se produza no funcionamento do sistema rexístranse e envíanse a un servidor que é accesible de maneira remota desde un ordenador ou desde un dispositivo móbil. O programa de xestión incluso é capaz de lanzar alertas inmediatas aos teléfonos do persoal encargado do mantemento.

A principal vantaxe do sistema é que a ETAP pode funcionar practicamente soa, sen necesidade dunha vixilancia constante por parte dos traballadores de Servizos, que só terán que acudir ás instalacións para repoñer cloro, facer as operacións de mantemento habituais ou atender as alertas que lles cheguen sobre a calidade da auga.

Máis investimentos de cara á primavera
No sistema de automatización e telecontrol investíronse cerca de 9.000 euros sufragados integramente con fondos municipais procedentes dos 133.692 euros de remanentes de 2019, que o Concello acordou o pasado mes de novembro dedicar a este e a outros seis proxectos, parte deles relacionados tamén co abastecemento de auga.

Así, algo máis de 38.000 euros á irán parar á instalación do bombeo e á ampliación da nova rede de subministración do Camiño Arriba, mentres que outros 39.000 euros se destinarán a un plan extraordinario de reparación de pistas municipais.

Os tres últimos proxectos relaciónanse co patrimonio e coa promoción turística do territorio: 13.000 euros para a restauración do palco da música da Seara, en Ferreira -o único que queda no municipio e dos poucos que perviven na comarca en estado orixinal-, 15.000 para o acondicionamento da senda do Castro e do miradoiro de Racamonde, e 18.000 para a construción dunha área de descanso e estacionamento de autocaravanas preto do paseo fluvial.

As obras relacionadas con infraestruturas básicas e as de restauración do palco da Seara comezarán en cuestión de días. As restantes -as que teñen que ver co desenvolvemento turístico do concello- arrancarán algo máis adiante, coas miras postas en que poidan estar listas para inicios ou mediados da primavera.

Share.