A comarca homenaxeará a Agustín Fernández Paz cun grande evento cultural no Auditorio de Ferrol

0

“O rastro que deixamos” é o título dun libro de Agustín Fernández Paz no que se poden descubrir os episodios fundamentais que marcaron a súa vida e o xeito en que se adentrou no oficio de narrador. Mestre e escritor, Fernández Paz deixounos en xullo de 2016 e tras de si quedaron máis de medio cento de obras -maiormente dirixidas á rapazada e a mocidade- e a pegada dun forte compromiso coa renovación pedagóxica, coa cultura e coa lingua. Tamén lle quedaron unha boa presada de amizades que  levan tempo traballando para renderlle a homenaxe que merece. Un tributo póstumo que se lle ofrecerá o venres 17 de febreiro no Auditorio de Ferrol co apoio de case todos os municipios da comarca, entre eles o de San Sadurniño. O título do evento, o mesmo que o do libro: “O rastro que deixamos”.

Agustín Fernández Paz e a súa dona Inma chegaron a Mugardos a finais dos anos setenta. Alí traballaron no colexio Unión Mugardesa, centro do que el sería director desde onde se impulsarían as Xornadas Pedagóxicas de Mugardos. Unhas xornadas que serían o xermolo da creación do Grupo Avantar, o movemento de renovación pedagóxica que, xunto con outros do país, daría orixe posteriormente –no 1983- á actual Nova Escola Galega.

Tamén desde aquí colaborou na edición de múltiples materiais didácticos publicados na súa maior parte por Xerais, a súa editorial de referenza. Loitador incansable pola defensa da normalización da nosa lingua e por unha educación renovada e galega, Agustín Fernández Paz iniciou en Ferrolterra a súa faceta de escritor de obras infantís e xuvenís en galego na época en que a fala entraba, por fin, no ensino.

A partir de aí escribiría ducias de títulos que se convertirían en referentes literarios en Galicia, no Estado e no resto do Mundo. É o autor galego máis traducido a outras linguas -115 traducións a 16 linguas distintas-, un dos máis premiados -levou máis de 50 galardóns, entre eles o Merlín, o Lazarillo, o Raíña Lupa e, en 2008, o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil-, despois de “Memorias dun neno labrego”, de Neira Vilas, a súa novela “Cartas de inverno” é a obra en galego máis vendida, superando a difícil barreira dos 100.000 exemplares.

Pero Fernández Paz tamén é dos máis prolíficos das nosas letras, con 67 obras propias entre libros para a infancia e mocidade, narrativa e ensaios. Ademais, a súa sinatura tamén forma parte doutras 25 obras colectivas.

Malia que marchou de Mugardos para asentar en Vigo, Fernández Paz deixou en toda a volta unha chea de amizades que agora se xuntan nunha iniciativa artística para renderlle homenaxe sete meses despois do seu pasamento. A data elixida é o venres 17 de febreiro e o lugar o Auditorio de Ferrol -no cruzamento entre a rúa Telleiras e a Avenida do Mar- a partir das 20.30h.

O título da homenaxe é “O rastro que deixamos”, o mesmo que unha das súas obras na que fala dos fitos que marcaron a súa vida e, máis que nada, o seu camiño cara á escrita. Os actos fixáronse para o venres 17 de febreiro cunha sesión de mañá para centros de ensino na que participarán artistas como Guadi GalegoMaría Manuela, Mini e Mero, Xabier Díaz, o dúo Bellón-Maceiras, Miro Casabella ou A Banda da LobaCanda a música tamén se proxectarán fragmentos dun documental sobre as súas vivencias na comarca.

As entradas poden recollerse ata o 17 de febreiro no Teatro Jofre (de 11 a 13.00h. e de 18 a 20.00h.) e no Auditorio de Ferrol -na avenida do Mar, en Caranza- desde as 18.00h. do día da gala, que comezará ás 20.30h.

 

Share.