A Bumpers Indoor Race trae toda a emoción da velocidade a San Sadurniño

0

O pavillón municipal converterase durante toda esta fin de semana nun circuito de carreiras coa disputa da sétima edición da Bumpers Indoor Race, unha competición de coches eléctricos a escala tanto ou máis espectacular que as probas a tamaño real. Nela tomarán a saída un total de 89 pilotos de todo o Estado -e tamén doutros países- nas categorías de dúas rodas motrices, Short Course e tracción total. O sábado resérvase para adestramentos e para as primeiras mangas clasificatorias, mentres que o domingo será cando se celebre a competición propiamente dita. Durante os dous días poderase acceder libremente ao recinto para ver as evolucións sobre a pista e tamén para asistir ao minucioso traballo que se desenvolve na área de boxes.

Os vehículos que correrán son modelos escala 1/10 con motorización eléctrica e dirixidos por radiocontrol. Non son xoguetes, senón bólidos de grande sofisticación tecnolóxica capaces de acelerar de 0 a 100 en escasos tres segundos e de alcanzar velocidades en pista superiores aos 130 quilómetros por hora. Trátase de vehículos cunha relación óptima entre peso e potencia coa que poden subir por tramos case verticais e saltar varios metros tras superar desniveis.

Porén, tal e como dicía aquel famoso anuncio de Pirelli, a potencia sen control non serve de nada  e por iso toda a superfice do circuito está enmoquetada con dúas finalidades: unha, para protexer a cancha que hai debaixo e, outra -e principal-, para que as rodas de pequenos tacos se agarren á pista como gadoupas.

O deseño do circuito cambia cada ano co obxectivo de que os equipos afronten un reto completamente novo en cada cita. O espazo de competición ocupará practicamente tres cuartas partes da superficie total do pavillón, mentres que o cuarto restante estará reservado para equipamento de cronometraxe e para as mesas onde se poñen a punto os vehículos e se cargan as baterías. Esa zona é de actividade constante cambiando pneumáticos, soldando cables, medindo potencias, engraxando transmisións… talmente o traballo que se fai en calquera rally ou na Fórmula 1, só que con coches máis pequenos.

Na 7ª Bumpers Indoor Race -organizada pola firma especializada Bumpers Online- van participar 89 pilotos, procedentes de todo o Estado, pero tamén de Portugal e Andorra. A proba máis numerosa -59 participantes- será a 1:10 de dúas rodas motrices. En Short Course rexistráronse 16 inscricións e en tracción ás catro rodas competirán 14 coches.

A carreira para cada tipo de vehículo desenvolverase co formato habitual de Open. O sábado pola mañá haberá adestramentos libres nos que a organización ofrecerá cronometraxe e, xa pola tarde, terán lugar as primeiras mangas clasificatorias. O domingo 19 de xaneiro correranse as últimas mangas e as finais, de maneira que a competición rematará sobre as 18.00h. aproximadamente.

En todas as categorías haberá cinco mangas de 5 minutos de duración. As finais serán de 7 minutos en 2WD e Short Course e de 5 para coches con tracción total. O acceso ás finais darano as tres mellores roldas de clasificación. Nas mangas clasificatorias e nas carreiras finais só se poderán usar un máximo de 3 parellas de rodas traseiras. Na competición está prohibido usar a marcha atrás.

Ao longo destes dous días o pavillón estará aberto ao público con entrada libre para asistir desde as bancadas aos adestramentos e as carreiras que se disputen e tamén para ver de preto o traballo que se desenvolve nos boxes.

Máis info en Everlaps.com e inforc.net.

Share.