A Aula CeMIT programa un curso sobre o correo electrónico para o mes de marzo

0

A Aula CeMIT de San Sadurniño prosegue coa súa oferta de cursos de iniciación en distintos ámbitos da Internet. A seguinte acción formativa que ten programada é un obradoiro de iniciación ao manexo do correo electrónico que se desenvolverá entre o 23 de febreiro e o 26 de marzo con sesións de unha hora á semana. Porén, antes de entrar en materia,  a aula mostrará como utilizar o aplicativo Zoom, necesario para poder seguir as clases desde a casa.  Haberá grupos reducidos de 6 persoas os martes, mércores ou venres das 10 ás 11.00h. e para anotarse hai que contactar con Carmen Suárez no 616 016 793 -pódeselle mandar un whatsapp- ou no correo cemit.sansadurnino@xunta.gal.

Os temas que se abordarán no curso arrancarán nos conceptos básicos e despois, a medida que se vaian vendo cousas, trataranse cuestións máis amplas que nos axudarán a xestionar de maneira máis eficiente a nosa caixa de correo. Así, tocarase o envío de mensaxes, a maneira de adxuntar arquivos, como respostar aos correos recibidos ou como reenvialos, pero tamén o xeito de organizar as distintas bandexas, xestionar as axendas de contactos -que se poden sincronizar co móbil- e as configuracións que garanten a seguridade e a prevención da entrada de virus e correo lixo.

Para participar, ademais de anotarse previamente, fai falla -obvio- dispor de conexión a Internet e contar cun teléfono móbil, unha tableta ou un ordenador con cámara web e son. E é que a formación que se imparte na Aula CeMIT desde hai meses é toda co alumnado na súa casa por razóns preventivas. Por esa razón o primeiro que se fai ao comezar calquera curso é aprender a utilizar a plataforma de videoconferencias Zoom, utilizada como ferramenta de comunicación entre a docente e o seu alumnado. Ademais, para que as clases sexan proveitosas, os grupos están limitados a un máximo de 6 persoas por sesión. Antes do inicio do obradoiro e durante o seu desenvolvemento tamén se ofrece asesoramento telefónico personalizado por se fixese falta axuda para configurar a conexión con Zoom.

As inscricións nesta actividade hai que facelas antes do inicio, previsto para o 23 de febreiro, aínda que, de haber prazas dispoñibles nos grupos, tampouco habería problema en incorporarse máis adiante, sempre e cando se posúan uns coñecementos mínimos previos que non obriguen á técnica a volver atrás na formación.

Segundo se informa desde a Aula CeMIT, o programa desenvolverase até o 26 de marzo con clases de unha hora de duración -de 10 a 11.00h.- os martes, mércores ou venres, dependendo da demanda que exista e de se se logran formar grupos para todos eses días.

Zoom para directivas
Por outra banda, a Concellaría de Cultura lembra que segue aberto o prazo para que as directivas das asociacións do territorio se anoten nun curso específico sobre Zoom de cara á próxima convocatoria do Consello de Participación Veciñal onde se debaterán as liñas de axuda municipais para este 2021.

A concellaría indica que é conveniente facer a preinscrición para saber cantas persoas das entidades precisarían facer o curso, recomendando ademais que haxa polo menos dúas  por cada asociación, o mesmo número de representantes que asisten habitualmente ao Consello.

As asociacións veciñais, clubes e colectivos culturais deberán comunicar o seu interese contactando co técnico municipal de Cultura no 616 332 919 ou mandándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Share.